Cambios sociais en España: primeiro terzo do século XX
Os intentos de solución á crise agraria
Os gobernos foron conscientes do atraso do campo español e intentaron poñerlle solucións, como:
- Aumentar o regadío: aprobouse un Plan de Obras Públicas que estimulaba o regadío en terras de secaño.
- Repartir a terra: o gran problema era o dos campesiños sen terra. Creáronse varias medidas:
- Unha lei que lles concedeu milleiros de hectáreas a pequenos propietarios.
- Outra lei que repartía terras do estado aos campesiños pagando unha porcentaxe.
Pero todo isto foi insuficiente, e a presión dos grandes propietarios impediu calquera intento de reforma agraria.
Cambios sociais no primeiro terzo do século XX
Existen dous grupos sociais: rurais e urbanos.
- Rurais: grandes propietarios agrícolas e campesiñado.
- Urbanos: burguesía financeira e industrial, clases medias (“colos brancos”) e obreiros.
Grandes propietarios agrícolas
Podemos distinguir tres grupos:
- A vella aristocracia.
- A burguesía financeira: dona de empresas e negocios, tamén adquiriu patrimonios rurais.
- A burguesía agraria: diferenciase da anterior en que vivía no medio rural. Na Mancha, Andalucía e Estremadura existía unha oligarquía agraria que controlaba grandes extensións de terra e vivía nas cidades preocupándose só do cobro das súas rendas.
Campesiños
Dentro deste grupo existían diferenzas importantes, dependendo da tenencia da terra:
- Propietarios medianos e pequenos.
- Arrendatarios.
- Xornaleiros, algúns deles eran simplemente temporeiros.
En Galicia eran frecuentes os subarrendamentos das terras, o cal dificultaba máis o seu rendemento. En Cataluña, os campesiños gozaban dunha mediana propiedade ou duns contratos estables de arrendamento. En Estremadura tiñan peso os boieiros, que eran pequenos arrendatarios, e en Andalucía era masiva a presenza de xornaleiros.
Sociedade urbana
- Burguesía industrial: consolida unha burguesía financeira que foi aumentando de forma progresiva cos novos negocios. Estes grupos sociais integráronse nas clases altas.
- Clases medias: formadas por un novo grupo de empregados chamados “colos brancos” que traballaban nos comercios, na banca, eran funcionarios do estado ou exercían profesións liberais como médicos, avogados, profesores, etc.
- Obreiros industriais: formaban o groso das capas populares urbanas. O seu número aumentou debido ao éxodo rural. A maioría eran asalariados e concentrábanse nas principais cidades. As súas condicións de vida eran mellores que as dos xornaleiros agrícolas, pero aínda así tiñan que soportar longas xornadas de traballo, salarios baixos e vivendas malas en barrios carentes de infraestruturas.
Novas formas de sociabilidade e cultura urbanas
O desenvolvemento das cidades e dunha sociedade moderna implicaron novos valores sociais e novas formas de socializarse e de lecer.
Unha das transformacións máis importantes foi a mellora do nivel educativo da poboación. Houbo un gran aumento da alfabetización e mellorouse o sistema educativo. Todo isto levou a un aumento do hábito da lectura, o que favoreceu a expansión da prensa escrita, xurdindo así unha prensa de masas que se converteu nun instrumento de relación entre os cidadáns.
Xorde un novo asociacionismo que tiña un carácter cívico. Proliferan os casinos e os círculos. Tamén se colle o costume de practicar excursións e deporte. Unha das novas formas de entretemento máis importante foi o cine.