O Bloqueo de Berlín e a Guerra de Corea
O Bloqueo de Berlín
Tras a Segunda Guerra Mundial, os países vencedores (Estados Unidos, a URSS, o Reino Unido e Francia) acordaron a división de Alemaña en catro sectores, cada un deles administrado por un país. Berlín, aínda que estaba situado dentro da zona soviética, tamén foi dividido en catro zonas de ocupación.
En 1948 celebrouse a Conferencia de Londres, onde os aliados occidentais acordaron a unificación de Alemaña nun só Estado. A resposta de Stalin foi o bloqueo terrestre de Berlín. A cidade quedou illada das zonas occidentais de Alemaña. Ante o bloqueo soviético, Estados Unidos organizou unha inmensa ponte aérea para garantir o abastecemento da poboación de Berlín occidental. O bloqueo soviético foi finalmente levantado en maio de 1949. Como consecuencia desta crise, en 1949, Alemaña quedou dividida en dous Estados:
- A República Federal de Alemaña (RFA), baixo influencia do bloque occidental e cun sistema político democrático.
- A República Democrática Alemá (RDA), baixo influencia do bloque oriental, tutelado pola URSS e cun réxime comunista.
A Guerra de Corea (1950-1953)
Corea formaba parte do Imperio xaponés antes da Segunda Guerra Mundial. Tras a derrota xaponesa en 1945 quedou dividida en dous Estados separados polo paralelo 38° N:
- Corea do Norte, cun Goberno comunista que gozaba das simpatías da URSS, liderado por Kim II Sung.
- Corea do Sur, un Estado prooccidental, pero autoritario e apoiado por Estados Unidos, dirixido por Syngman Rhee.
En 1950 Corea do Norte invadiu Corea do Sur. O exército surcoreano case fora derrotado cando a ONU condenou a invasión e aprobou a intervención dos cascos azuis para sufocar o conflito. A coalición das Nacións Unidas, liderada por Estados Unidos, emprendeu a reconquista de Corea do Sur e chegou a internarse no norte, preto da fronteira chinesa. Ante este feito, China anunciou o seu apoio a Corea do Norte. O xeneral estadounidense MacArthur (xefe das tropas da ONU) propuxo o uso da bomba atómica para disuadir a Mao Zedong, o que provocou a destitución do xeneral.