Autores Salientables da Xeración dos 50 en Galicia
Autores Salientables da Xeración dos 50
Uxío Novoneyra
Uxío Novoneyra escribiu poemas paisaxísticos, onde se expresa a soidade da persoa en contacto coa natureza agreste da súa bisbarra natal do Courel, á que pertencen obras como Os eidos ou Elexias do Courel e outros poemas (1985); e poesía social, de carácter político e reivindicativo, recollida nos libros Poemas caligráficos (1978) ou Do Courel a Compostela (1988). Tamén escribiu poesía amorosa, reunida no libro Muller pra lonxe (1986). Os poemas de Novoneyra son case sempre composicións breves, de grande intensidade. Formalmente, salienta a utilización do fonosimbolismo e a preocupación pola disposición espacial e tipográfica dos versos.
Antón Avilés de Taramancos
Antón Avilés de Taramancos publicou O tempo no espello (1982), Cantos caucanes (1985), As torres no ar (1989) e Última fuxida a Haar. A súa é unha poesía vitalista, chea de imaxes que remiten á unión do poeta coa natureza, nos que é salientable o alento épico, ás veces con resonancias mitolóxicas, xunto con outros poemas de amor ou de reflexión sobre a vida e o paso do tempo.
Manuel María
Manuel María é autor dunha obra amplísima e variada, con máis de 40 títulos. Escribiu inicialmente poemas de carácter intimista e desacougado, para logo facer poemas de crítica social e finalmente outros de carácter íntimo e amoroso. Entre os seus libros, destacan Terra Chá (1954), Poemas pra construír unha patria (1977) e A primavera de Venus (1993).
Bernardino Graña
Bernardino Graña escribiu, entre outros, os libros Profecía do mar (1966) e Non vexo Vigo nin Cangas (1975), que lle valeron o apelativo de "poeta do mar", pois o tema central deles é o mar e a vida mariñeira. A súa poesía distínguese pola exaltación da vida e da natureza, contemplada dende unha ollada chea de paixón e optimismo. O tema do amor tamén aparece con frecuencia na súa obra.
Xohana Torres
Xohana Torres é a principal voz feminina da Xeración dos 50. Os poemarios máis importantes son Do sulco (1957), Estacións ao mar (1980) e Tempo de ría (1992). Ofrécenos unhas imaxes cargadas de forte simbolismo, fala da vida, da importancia do paso do tempo e do papel que ten para ela a paisaxe que a rodea, así como da súa condición de muller.