Autores do Rexurdimento: Noriega Varela, Cabanillas, Risco...
O Rexurdimento Galego: Modernización e Nacionalismo
O Rexurdimento foi un proceso de modernización social e económica en Galicia. Caracterizouse polo aumento da poboación urbana, o fin do sistema foral, a desaparición da fidalguía, a consolidación da pequena burguesía e a aparición do proletariado, dando lugar a distintos movementos e organizacións de carácter galeguista:
- 1907 - Liga Agraria de Acción Galega: Protagonizada por Basilio Álvarez, estimulou a conciencia política do campesiñado e puxo fin ao sistema foral.
- 1916 - Irmandades da Fala: Un grupo de intelectuais galeguistas de carácter nacionalista. O seu obxectivo era o uso do galego na vida pública. A súa revista era Seminario A Nosa Terra, monolingüe en galego.
- 1923 - Xeración Nós: Integrada por Vicente Risco, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas e Castelao, modernizaron a cultura galega, afastándoa do folclorismo costumista e poñéndoa en contacto coas correntes universais do século XX. Publicaron a revista Nós, co subtítulo "Revista mensual da cultura galega".
- 1923 - Álvaro Cunqueiro, Fermín Bouza Brey: Levaron a cabo estudos científicos sobre a realidade galega en ámbitos como a xeografía, a historia e a arte.
- 1925 - Grupo de Novecentistas: Integrado por Amado Carballo, Manuel Antonio e Rafael Dieste, buscaron unha nova linguaxe artística, levando definitivamente a cultura galega á modernidade.
- 1931 - O Partido Galeguista: Conseguiu o Estatuto de Autonomía para Galicia, para facer un proceso de renovación política, cultural e lingüística. O levantamento de Franco na Guerra Civil impediu que se puxese en práctica.
Autores destacados do Rexurdimento
Antonio Noriega Varela
Naceu en Mondoñedo. Revelouse como poeta costumista para contar as excelencias da montaña galega. Coa madurez incorporouse ao movemento saudosista portugués. É autor dun único libro titulado Montañesas que, tras varias edicións revisadas, recibiu o título Do Ermo.
Ramón Cabanillas
Naceu en Cambados. Emigrou a Cuba e entrou en contacto co galeguismo. Cando volveu a Galicia, implicouse no proxecto das Irmandades da Fala e colaborou coa Xeración Nós. A súa obra poética é moi extensa e variable, onde destaca a súa poesía lírica, parecida á de Rosalía e Curros, e a súa poesía narrativa, que segue as liñas de Pondal. Os seus libros líricos máis importantes son: No Desterro, Vento Mareiro, A Rosa de Cen Follas, Da Terra Asoballada. As súas obras narrativas son: Na Noite Estremecida e O Vendito San Amaro. Cabanillas tamén escribiu dúas obras teatrais: A Man da Santiña e O Mariscal.
Vicente Risco
Naceu en Ourense no seo dunha familia burguesa liberal. En 1920 dirixiu a revista Nós e elaborou unha sólida narrativa, converténdose nun dos teorizadores do nacionalismo galego. Despois da Guerra Civil abandonou o galeguismo e apoiou o franquismo.
Obra Narrativa
- Do Caso Que Lhe Aconteceu ao Doctor Alveiros (1919): Relato breve de carácter humorístico.
- O Lobo da Xente. A Través de Ouro e a Través de Alquitrán (1925): Dous relatos breves inspirados no lobishome e no mundo dos celtas e dos mouros.
- O Porco de Pé (1928): Novela de carácter satírico e burlesco.
Obra Ensaística
- Teoría do Nacionalismo Galego (1920): Define o noso país a partir das terras da raza e da lingua.
- Nós, os Inadaptados (1933): Explica a evolución dos homes do grupo Nós ata chegar ao galeguismo.
Obra Teatral
Publicou O Bufón do El-Rei (1928), que conta a historia dun bufón que descobre a infidelidade da raíña.
Ramón Otero Pedrayo
Naceu en Ourense no seo dunha familia fidalga. Colaborou con Castelao na creación do Partido Galeguista e nunca renunciou ás súas ideas, aínda que se retirou a un exilio interior.
Obra Narrativa
Escribiu a obra máis extensa da literatura galega. As novelas máis importantes son: Os Camiños da Vida (1928) e Arredor de Si (1930).
Obra Ensaística
Guía de Galicia (1926) e Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (1939).
Obra Teatral
A Lagarada (1929).
Daniel Rodríguez Castelao
Naceu en Rianxo no seo dunha familia mariñeira. De neno emigrou a Arxentina e, de volta a Galiza, estudou medicina en Santiago, aínda que nunca exerceu de médico, pois sempre se dedicou á súa obra artística e ao seu labor político. A partir do ano 1920 asumiu a dirección artística da revista Nós. Tras a Guerra Civil tivo que exiliarse en Arxentina, pero nunca renunciou ao galeguismo e sempre loitou contra o franquismo.
Obra Narrativa
Os temas xerais que definen a súa narrativa son o humanismo, o compromiso cos máis débiles, os abusos de poder, as inxustizas, a marxinación económica de Galicia, a emigración, o protagonismo das clases populares e a defensa da lingua galega. As súas obras máis importantes son:
- Un Ollo de Vidro. Memorias dun Esqueleto (1922): Historia fantástica onde un esqueleto conta as súas experiencias no mundo de ultratumba.
- Cousas (1926): Son 45 narracións líricas nas que aparece un texto breve cunha ilustración e relata os dramas humanos das clases populares galegas.
- Retrincos (1934): Son 5 relatos de carácter autobiográfico nos que fala da súa infancia e mocidade.
- Os Dous de Sempre (1934): É unha novela estruturada arredor de dous protagonistas, Pedriño e Rañolas, expoñentes de dous modos diferentes de vida.
Obra Ensaística
Escribiu Sempre en Galiza (1944), onde condensa as súas ideas nacionalistas.
Obra Teatral
Escribiu Os Vellos Non Deben de Namorarse (1941), que trata da historia de tres vellos ricos namorados de tres mozas pobres que, por intentar conquistalas, acaban morrendo.