Antigo Réxime: sociedade, monarquía absoluta e Ilustración
Sociedade e sistema político do Antigo Réxime
1. Características da sociedade
A sociedade do Antigo Réxime estaba dividida en grupos ou estamentos organizados segundo o nacemento. Había tres estamentos: a nobreza, o clero e o pobo, tamén chamado Terceiro Estado. Cada un deles tiña a súa función: a nobreza (defensa), o clero (reza) e o pobo (traballar). Tamén cada estamento poseía dereitos, honras e leis específicas.
A nobreza e o clero formaban o grupo dos privilexiados: non pagaban impostos e gozaban de honras, mentres que o pobo, que era a gran maioría, carecía de dereitos e estaba sometido. Así mesmo, dentro de cada estamento había grandes diferenzas segundo a riqueza que tivese cada individuo.
2. Características do sistema político
O sistema de goberno predominante era a monarquía hereditaria, baseada no poder absoluto. Os reis gobernaban sen limitacións, concentrando na súa persoa a totalidade do poder. Este poder absoluto xustificábase co argumento de que procedía directamente de Deus, que o colocaba nas mans dos reis para gobernar.
Sen embargo, en Inglaterra e en Holanda existían parlamentos que tiñan capacidade para controlar o goberno do rei.
3. Cales eran as posturas dos ilustrados?
Ilustrados moderados
- Aceptaban a estrutura social e política da época, pero criticaban os abusos e privilexios da nobreza e do clero.
- Propoñían reformas para aumentar o benestar das clases populares e realizaban esforzos para difundir as novidades técnicas e científicas.
- Aceptaban os principios relixiosos (católicos e protestantes), pero rexeitaban as supersticións, as falsas tradicións e os abusos do clero.
Ilustrados radicais
- Querían transformar as bases do sistema, limitando a autoridade do rei; defendían a división de poderes, a soberanía do pobo, a liberdade individual, a igualdade de todos e a eliminación dos privilexios da nobreza e do clero.
- Prestaban especial atención ás reflexións teóricas sobre economía.
- Criticaban con dureza as crenzas relixiosas tradicionais: uns defendían a relixión natural e outros eran partidarios do agnosticismo ou do ateísmo.