Análise da Industria Española: Retos e Oportunidades

Xeografía2,54 KB

Dimensión e Estrutura da Industria Española

A gran maioría das empresas industriais españolas son PEMES: pequenas ou medianas. Poden reaccionar con maior axilidade e flexibilidade ante os cambios que caracterizan a industria actual e presentan menor conflitividade laboral. En cambio, os seus produtos adoitan seren máis caros e menos competitivos, porque as empresas non xeran economías de escala nin invisten en investigación. Son escasas as grandes empresas, a moita distancia das maiores da UE.

Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i)

O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D+i insuficiente, menor que o dos países europeos máis avanzados. O investimento provén en gran parte do sector público e está moi concentrado sectorial, empresarial e territorialmente. Malia todo, nos últimos anos a nosa esixencia de competitividade incrementou as tendencias innovadoras nas pequenas empresas, sobre todo nas áreas nas que se crearon redes de cooperación empresarial. Paralelamente, poténciase a concentración empresarial e a mellora da competitividade.

Tecnoloxía e Dependencia Externa

Todo o anterior provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son un enorme gasto para España e implican un déficit permanente na balanza de pagamentos tecnolóxica. En conxunto, a produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.

Globalización e Deslocalización

O tecido industrial español está inmerso nunha globalización económica. Nunha economía globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado, o que levou a procesos de concentración empresarial, de maneira que o panorama internacional está dominado por grandes multinacionais competitivas e cun poder económico que chega a superar o de moitos estados. España conta con poucas multinacionais industriais, o que a coloca nunha situación de dependencia de decisións adoptadas fóra.

Impacto da Deslocalización

Operando nun mercado global, mundial, as grandes empresas iniciaron un proceso de deslocalización consistente en trasladar os procesos produtivos a terceiros países, polo xeral en vías de desenvolvemento, nos que poden aproveitar menores custos laborais. As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario.

Descargar

PDF Word HTML