Análise de "Os Eoas" e o Estilo Literario de Eduardo Pondal

Outras linguas estranxeiras2,66 KB

As Eoas

Este longo poema épico é un exemplo do perfeccionismo de Pondal. Primeiro titulouno A América descuberta, máis tarde Colón, e ao fin deixouno en Os Eoas (“os dezaseis fillos de Aurora”), tomando da denominación que os indíxenas americanos lle deron aos españois cando os viron aparecer polo lado en que nace o Sol.

O propósito de Pondal era recrear a xesta do descubrimento e conquista de América, obra colectiva do pobo hispano, singularizada nun heroe protagonista, Cristovo Colón. A influencia do magno poema Os Lusíadas, do poeta portugués Luís Vaz de Camões, é evidente, non só pola presenza dun protagonista colectivo e dun heroe principal, senón tamén pola estrutura e pola versificación utilizada, na súa maior parte oitavas reais. Ademais desta influencia, hai outras como as da épica clásica greco-latina e a de dous autores renacentistas, principalmente do italiano Torquato Tasso, autor da Xerusalén Liberada.

Algúns críticos consideran que Os Eoas é unha obra anacrónica e arcaizante. Outros, como o escritor X. L. Méndez Ferrín, sosteñen que Os Eoas é un poema épico que pretende establecer alicerces inconmovibles para as letras nacionais futuras. Un poema que se libera do costumismo, dos traballos e dos días, da miudeza realista ou sentimental, para disparar o noso idioma por mares “de antes nunca navegados”... Os Eoas dialogan na segunda metade do século XIX coa épica culta e renacentista. Rescatan a nosa lingua do coloquialismo e establecen o fundamento da lingua culta.

A lingua e o estilo de Pondal

Pondal foi o escritor do Rexurdimento que máis se esforzou en crear un rexistro culto e elevado do galego. A partir da fala da súa comarca natal de Bergantiños, elaborou a súa lingua literaria, escollendo as palabras con rigor e propiedade, introducindo numerosos cultismos léxicos do grego e do latín, e empregando recursos sintácticos e expresivos propios da literatura clásica.

O mesmo empeño de dignificación que caracteriza os temas dos seus poemas tamén se dá no soporte expresivo da lingua utilizada, pois esta ha de ser “nobre” e “harmoniosa”, de rexistro culto e elevado, capaz de expresar todo tipo de conceptos.

Recursos estilísticos empregados:

  • A depuración de castelanismos;
  • O uso de recursos estilísticos propios da literatura culta, coma o hipérbato e a litote;
  • Uso do símil de procedencia homérica;

Descargar

PDF Word HTML