Análise Demográfica: Poboación, Natalidade e Migracións

Xeografía2,66 KB

Poboación activa: Concepto referido á poboación que está en idade legal de traballar e traballa ou busca traballo activamente. A poboación economicamente activa é o conxunto de persoas que engloba a poboación activa ocupada e a poboación activa desempregada, desocupada ou parada. Todas as persoas que non están incluídas en ningunha destas categorías considéranse poboación inactiva.

Esperanza de vida: Número medio de anos que unha persoa, ben ao nacer ou cando acada unha determinada idade, espera vivir, nun territorio e nun ano concreto, supoñendo que as condicións de mortalidade permanezan constantes. A esperanza de vida de España é unha das maiores do mundo: mulleres 85 anos, homes 80 anos.

Crecemento vexetativo: O crecemento vexetativo ou natural da poboación é a diferenza entre o número de nacidos e o de falecidos nun lugar durante un ano, expresada normalmente en tantos por cento (%). É positivo cando o número de nacidos supera o de falecidos; é negativo cando as mortes superan os nacementos.

Se ao crecemento vexetativo lle sumamos a inmigración e lle restamos a emigración, o resultado é o crecemento real, que pode ser tamén positivo ou negativo.

Réxime demográfico: Concepto demográfico que se refire a cada unha das etapas ou fases na evolución do movemento natural da poboación dun país, nas que a natalidade, mortalidade e o crecemento natural presentan características homoxéneas.

Inverno demográfico: Situación que se produce actualmente en países que están no réxime demográfico moderno, con taxas de fecundidade que están por debaixo da taxa de reposición. Isto provoca un avellentamento da poboación e a necesidade de favorecer a inmigración de cara a cubrir os postos de traballo necesarios para o funcionamento da economía. Esta problemática é significativa nos países máis avanzados da UE, o Xapón, así como tamén en Rusia.

Padrón municipal: Rexistro administrativo onde consta a relación de habitantes dun municipio. Tamén contén información sobre as características sociodemográficas da poboación, aínda que algo menos detalladas ca no censo. É un rexistro dinámico que se actualiza anualmente, polo que constitúe unha fonte esencial para o estudo da poboación.

Saldo migratorio: Balance que existe entre inmigración e a emigración nun determinado lugar. Cando o saldo migratorio é positivo, hai máis inmigrantes ca emigrantes e a poboación aumenta; cando o saldo migratorio é negativo, hai máis emigrantes ca inmigrantes e a poboación diminúe.

Descargar

PDF Word HTML