Agricultura de plantación, gandaría e explotación forestal

Xeografía4,03 KB

A agricultura de plantación

A agricultura de plantación é unha explotación agrícola situada normalmente en países tropicais e subdesenvolvidos. Hoxe a globalización económica multiplicou o número de plantacións nos países en desenvolvemento, que son controladas por produtores locais que venden a súa produción a esas grandes empresas. Caracterízase por:

  • É unha agricultura de mercado, destinada á exportación.
  • Practícanse grandes explotacións.
  • Existe un gran investimento de capital.
  • Normalmente é un monocultivo que emprega man de obra abundante.
  • A súa produtividade é alta xa que se aplican medios técnicos e modernos.

As multinacionais benefícianse duns custos baixos de produción e dun prezo de compra do produto moi baixo en relación co prezo de venda nos países desenvolvidos aos que se dirixe. Son vantaxes para os países subdesenvolvidos xa que activan a economía local creando emprego e promoven a creación das infraestruturas de transporte e de comercialización. E tamén introducen técnicas de cultivo modernas.

Problemas nos países menos desenvolvidos

Os beneficios económicos son para as empresas estranxeiras. Moitos pequenos campesiños víronse na obriga de abandonar as súas terras e a traballar nas plantacións coas que non poden competir; algúns países teñen que importar alimentos para a súa poboación, pois os cultivos das plantacións expórtanse. A explotación é moi intensiva, o que causa fortes impactos ambientais. Se os prezos baixan, a miúdo báixanse os salarios e pódese chegar a pechar a explotación.

A gandaría: tipos e aproveitamento

A gandaría consiste na cría de animais para o seu aproveitamento: produción de carne, leite, ovos, coiro… As especies animais máis numerosas son: bovino, porcino, aviario e ovino. Tamén hai o caprino e equino e a cunicultura, así como o «cultivo de abellas» chamado apicultura.

A gandaría extensiva

É propia das grandes explotacións, nas que o gando vaga polo monte e se alimenta de pastos naturais. Require poucos investimentos en man de obra ou instalacións para os animais e os alimentos, pero a súa produtividade é baixa. Os tipos de gando característicos son o bovino, o ovino e o caprino; a produción destínase á venda nos países desenvolvidos e ao autoconsumo nos países menos desenvolvidos.

A gandaría intensiva

Chamada tamén gandaría industrial, dáse nos países desenvolvidos. Practícase en explotacións especializadas nunha especie e son normalmente máis pequenas. Esixe grandes investimentos e a súa produtividade é alta. É unha gandaría estabulada, o que significa que os animais se crían en cortes onde se controla a súa alimentación, o seu engorde e saúde; ás veces é semiestabulada. Os tipos de gando son bovino, porcino e o aviario cunha produción destinada ao mercado.

Inconvenientes da gandaría industrial

  • Os impactos ambientais e o estrés aos animais.
  • A eliminación de grandes cantidades de esterco.
  • A produción do alimento que necesitan os animais.
  • A concentración de gas metano, contaminante para a atmosfera.

A explotación forestal e a silvicultura

A explotación forestal é o aproveitamento económico dos bosques dos que obtemos resina, cortiza, caucho… A produción de madeira está asociada ás condicións climáticas dos países. Os maiores rendementos obtéñense nas selvas e nos bosques tropicais húmidos onde as especies frondosas medran rapidamente.

Actualmente a explotación incontrolada dos bosques está poñendo en grave perigo amplas zonas da terra; para evitar que desaparezan practícase a silvicultura, que é o cultivo dos bosques para a súa explotación económica. Tamén se poden realizar repoboacións.

Descargar

PDF Word HTML