O Agrarismo e as Irmandades da Fala en Galicia
Contexto histórico-social e o agrarismo
No primeiro terzo do século XX sinálanse os seguintes feitos: a aparición do proletariado, a aparición dunha burguesía industrial de carácter foráneo en torno á industria conserveira e á produción naval, a desaparición da fidalguía pola eliminación do sistema foral e o trasbase da poboación que vive da pesca e da agricultura á industria, ao comercio e aos transportes.
Galicia carecía de desenvolvemento económico e os medios de produción agrarios non evolucionaran; os réximes de aforamento aproximaban a Galicia ao sistema feudal. Neste contexto xorde o agrarismo.
O movemento agrarista e Acción Galega
O agrarismo foi un movemento de carácter reivindicativo que xurdiu nas primeiras décadas do século como reacción aos grandes males do campo galego: a estrutura agraria, o estancamento e o caciquismo. A súa finalidade era a mellora das condicións dos labregos, modificar o sistema de propiedade da terra e acceder á explotación racional dos recursos. A organización máis importante foi Acción Galega.
As Irmandades da Fala e o nacionalismo
As Irmandades da Fala naceron en 1916 e con elas considérase que nace o nacionalismo galego. Os nacionalistas conceptúan Galicia como nación, e o centro da súa definición teórica pasa a ser a autodeterminación. O seu obxectivo é reconstruír a nación galega devolvéndolle a súa propia identidade.
Obxectivos e liñas de actuación
Distinguíronse dúas liñas de actuación: a política (representada por Antón e Ramón Vilar Ponte) e a culturalista (Risco, Otero e Cuevillas). Os seus obxectivos eran:
- Autonomía integral para Galicia.
- Autonomía municipal e recoñecemento da parroquia.
- Cooficialidade do galego e ensino en galego.
- Igualdade de dereitos entre homes e mulleres.
O Grupo Nós e o Partido Galeguista
Tras a asemblea en Monforte, comeza unha etapa culturalista cun peso moi importante do Grupo Nós. Vicente Risco convértese no gran teórico do nacionalismo galego. Xorden novas iniciativas como a Revista Nós, as editoriais Céltiga e Lar, o Seminario de Estudos Galegos e o Conservatorio Nacional de Arte Galega.
A chegada da II República atopa ao galeguismo sen estruturas políticas sólidas e ten que comezar de novo. En 1931 fúndase o Partido Galeguista e en 1936 apróbase o Estatuto de Autonomía. Coa vitoria fascista na Guerra Civil, comeza unha longa etapa de silencio interior.