A Xeración das Festas Minervais: Literatura Galega Anos 50

Lingua e literatura4,01 KB

A Xeración das Festas Minervais (Anos 50)

Caracterización

Son unha serie de escritores que irrompen nesa década provocando unha gran renovación. O grupo ten outras denominacións como “Escola da Tebra” ou “Xeración de La Noche”. Son autores nados na década dos 30 de orixes vilegas. Conforman a primeira xeración da posguerra galega. Buscaron novas formas de expresión caracterizadas pola rebeldía e o rupturismo e intentaron renovar a poesía e a prosa galegas. Da súa ruptura co culturalismo xorde o Partido Socialista Galego.

Na xeración dos 50 pódense distinguir dous grupos:

  • O Grupo Compostelán

    Teñen unha afinidade ideolóxica polo piñeirismo e participan no labor cultural da Editorial Galaxia. Os principais autores deste grupo son Franco Grande, que escribiu Entre o si e o non; Salvador García-Bodaño, que escribiu Ao pé de cada hora, que combina a poesía amorosa co compromiso coa patria, e Tempo de Compostela, que percorre a historia da cidade; Xohana Torres, que publicou Do sulco e Estacións ao mar, de liña intimista, e Tempo de ría, onde describe o mar de xeito impresionista; Arcadio López-Casanova, autor de Palabra de honor, onde mostra unha gran preocupación pola problemática existencial con Galicia de fondo, e Liturxia do corpo, máis íntimo; e Xosé Manuel Beiras.

  • O Grupo “Brais Pinto”

    Formado en Madrid por mozos emigrados e universitarios. Teñen unha maior radicalidade artística e ideolóxica, cun compromiso nacionalista e de esquerdas. Deste grupo forman parte Méndez Ferrín, que escribiu Voce na néboa, de poesía existencialista; Con pólvora e magnolias, onde renova a súa poesía sen deixar a reivindicación político-social; Poesía enteira de Heriberto Bens e Estirpe, na que procura nas nosas raíces prehistóricas; Bernardino Graña, con Poema do home que quixo vivir, Profecía do mar e Non vexo Vigo nen Cangas, na que denuncia a deshumanización da sociedade moderna; e Uxío Novoneyra, que publicou Os eidos, Poemas caligráficos e Do Courel a Compostela, todos cun dominio dos elementos paisaxísticos e existencialistas.

A renovación da linguaxe poética galega

Houbo unha gran renovación da poesía, baseada na combinación de trazos vangardistas, influencias europeas e a tradición galega anterior. As correntes do existencialismo europeo deron lugar á “Escola da Tebra”, representada por Fabulario novo, de Manuel Cuña Novás, e por Muiñeiro de brétemas, Morrendo a cada intre e Advento, de Manuel María. Máis tarde, o compromiso esquerdista e nacionalista trasladouse á literatura, dando orixe ao socialrealismo de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, ao canto telúrico de Novoneyra en Os eidos, ao realismo coloquial de Manuel María en Documentos Persoaes, á afirmación rebelde e rupturista de Bernardino Graña en Poema dun home que quixo vivir e á poesía antiimperialista e revolucionaria de Méndez Ferrín.

Outros autores

Antón Avilés de Taramancos

Que publicou As moradías do vento, sete poemas descritivos nos que o personaxe principal é o vento; Cantos caucanos e As torres no ar.

María Xosé Queizán

Que foi unha pioneira do feminismo en Galicia, escribiu Metáfora da metáfora; Despertar das amantes, onde se desconstrúe a ideoloxía machista e se centra na plasmación do erótico lésbico; e Fóra de min, un manifesto a prol da indiferenza e contra a explotación, a miseria, o racismo...

Descargar

PDF Word HTML