Vicente Risco: inadaptados, arte e sentimento da terra

Filosofía e ética2,46 KB

Que caracteriza aos inadaptados e cal é a súa idea da arte?

Vicente Risco caracteriza aos inadaptados como auténticos vencidos da vida (...). Insatisfeitos, non conformistas, decote rebeldes. Vencidos da vida por ser inadaptados. O problema dos inadaptados é un dos grandes problemas das decadencias. Neses tempos de economía e de política hai unha chea de naturezas extremadamente delicadas e conscientes (...) que non se poden sentir solidarias co camiñar histórico do momento. Son os malcontentos, os difíciles de gusto, os desprezativos, os desgostados de todo, os que andan á procura das cousas lonxanas, estrañas e requintadas, os «anormais por supernormais».

Explica o pensamento de Vicente Risco sobre a arte e o artista

Vicente Risco opina que o único que realmente coñecemos é o home, e todo o noso coñecemento ha de partir de aí, se é que habemos de explicar o descoñecido en función do coñecido (...). Nisto estriba a futura importancia da arte e da emoción estética, que acaso está chamada a revelarnos o que hai detrás do parecer das cousas, o máis dentro da súa aparencia convencional. Está probado que o espírito artista ve nas cousas o que os demais non ven; posúe un sentido máis, polo menos, que os demais mortais (...). Porque o que podemos chamar pensamento poético é por natureza ultraconvencional (...). Hai dúas maneiras de afrontar o problema do mundo: pódese adoptar a actitude crítica do filósofo (o sabio, o científico...), a actitude analítica fundada na dúbida (...), e pódese adoptar a actitude mística —de unión co divino— do poeta (...), a actitude do que ama as cousas sen interrogalas. O artista sabe que non se vive só coa verdade; alén da verdade hai na vida outras cousas adorables.

Define o sentimento da terra en relación coa nación

Vicente Risco parte das definicións de nación dadas por outros autores. Insiste no valor da terra galega, porque o fondo sentimento da terra é o que distingue a alma galega. Os elementos da natureza constitúen «o gran escultor da humanidade». Do mesmo xeito que a auga lle dá á pedra a súa labranza, así —segundo Risco— a paisaxe modela a súa raza de homes a través dos costumes. Un pobo é un repertorio de costumes e, na Europa, unha nacionalidade é un pobo fixado nunha terra. A nación consiste nunha comunidade de intereses espirituais e materiais determinada pola natureza.

Descargar

PDF Word HTML