Valores dos Tempos Verbais en Galego
Valores dos Tempos Verbais
Presente
- Acción simultánea ao momento da fala: Pecho a fiestra.
- Atemporal ou permanente: Para presentar acontecementos de validez universal e ilimitada. A auga ferve a cen graos.
- Habitual: Expresa accións habituais, que se repiten con regularidade. Os sábados imos ao teatro.
- Histórico: Valor que, no presente, narra ou presenta situacións pasadas, co que se concede maior expresividade aos feitos ocorridos. Castelao morre en Bos Aires en 1950.
- Valor de futuro: O presente posúe un valor prospectivo, para marcar un feito que probablemente se vai realizar. Mañá imos ao cine.
- Valor imperativo: Expresa accións non iniciadas que se van realizar no futuro. Ti pídesllo e dasmo.
Copretérito
- Coincidencia cun tempo pasado: Cando chegamos, xa estaban alí.
- Valor habitual: Indica accións usuais ou repetidas no pasado. Antes saíamos todos os xoves.
- Valor de cortesía: Quería preguntarlle...
- Valor de futuro desde o pasado: Dixo que marchaba mañá. Prometeume que hoxe estaría aquí.
- Narrativo ou literario: Tempo empregado na acción narrativa. Había unha vez dúas rapazas.
Pretérito
- Acción anterior ao momento da fala: Onte mercou o coche.
- Anterioridade no pasado: Equivalente a un antepretérito. Naquel momento non souben se rompera a perna ou o xeonllo.
- Valor de pretérito no futuro: Indica unha acción situada nun momento anterior a outros que virán no futuro. Cando veñan os bombeiros, xa ardeu todo. Cando volvas, seguro que xa fixen iso.
Antepretérito
- Acción anterior a outra pasada: Cando chamou xa marcharas.
- Valor de cortesía: Quixera preguntarlle...
- Valor desiderativo: Quen puidera marchar convosco de viaxe. (Só con este último valor é posible a substitución polo Pretérito de Subxuntivo).
Futuro
- Acción posterior ao momento en que se fale: Mañá sairemos ás tres.
- Valor de obriga: Levarás as cousas que che dixen.
- Valor de probabilidade ou dúbida: Valerán dez euros.
- Valor de cortesía: Quererá facerme un favor?
- Valor de pasado: Coa chegada de Franco, serán castigados os opostos ao réxime.
Pospretérito
- Posterioridade con respecto ao pasado: Onte dixo que sairían ás tres da tarde.
- Valor de cortesía: Querería dicirme a hora?
- Valor imperativo: Deberías ser máis coidadoso.
- Valor de probabilidade ou dúbida referida a un momento pasado: Andaría polos vinte anos cando soubo que a música era o seu destino.
- Valor de pasado: Coa chegada de Franco, serían castigados os opostos ao réxime.
Futuro do Pretérito
Ponse de manifesto unha acción que pode ocorrer no presente ou no futuro se se reunisen as condicións necesarias. Sería rico se aforrase.
SUBXUNTIVO
Presente de Subxuntivo
- Acción posterior: Quere que marches despois de comer.
- Acción simultánea ao momento da fala: Deixa que entre agora.
- Desexo, roga ou maldición: Queira Deus que non estean os cristais rotos! O demo te leve!
- Dúbida: Pode que non me crea.
- Valor imperativo: Que saian todos de aquí agora mesmo.
Pretérito de Subxuntivo
- Anterioridade con respecto a un feito pasado: Sinto que non che desen as axudas.
- Coincidencia con respecto a un feito pasado: Parecía coma se soubese o que tiña que facer.
- Futuridade con respecto a un feito pasado: Díxenlle que me trouxese iso mañá.
- Condición ou suposto nos enunciados condicionais e concesivos: Se chamases, iríamoste buscar antes.
Futuro de Subxuntivo
- Eventualidade no futuro: Non entrarán os que chegaren tarde.
- Valor modal: Onde fores, foi coma vires.
IMPERATIVO
Mandato temporalmente coincidente co momento da enunciación: Chama á túa irmá e dille que veña.
INFINITIVO CONXUGADO
En galego o infinitivo pode presentar desinencias de número e persoa para indicar a súa concordancia co suxeito: é o Infinitivo conxugado.
As principais regras que rexen o seu uso son as seguintes:
1. Úsase o Infinitivo Conxugado
a) Suxeito do verbo principal ≠ Suxeito do infinitivo
Cando o suxeito do infinitivo e do verbo principal son distintos.
- Convencín (eu) os tíos para viren (eles) á comida.
- Convén irmos entrando no avión.
- Resulta fundamental termos certa experiencia na vida.
b) Orde: Infinitivo + Verbo principal (Suxeito do infinitivo = Suxeito do verbo principal)
Cando, tendo o mesmo suxeito, o infinitivo vai antes do verbo principal.
- Ao saíres da casa, pecha a porta.
- Ao baixardes, comprade o xornal.
2. Non se usa nunca o Infinitivo Conxugado
- Nas perífrases: tedes que traballar.
- Cando a preposición é esixida polo verbo: non vos esquezades de pechar ben a billa.
3. Usos en frases completivas e circunstanciais
Úsase en frases completivas e circunstanciais das máis variadas:
- Completivas (sen nexo): Estardes atentos é fundamental; é preciso abrigármonos.
- Circunstanciais (sempre encabezado por unha preposición, nunca por unha conxunción):
- Finais (con "para"): Apurade un pouco máis o paso para chegardes a tempo.
- Causais (con "por"): Por falarmos de máis, metémonos nun compromiso.
- Temporais (coa contracción "ao"): Ao chegares, avísame.
- Condicionais (con "de"): De cociñares mellor, contrataríante.
- Concesivas e outros valores (con "con"): Con choraren, non o van conseguir.