A UCD e a Transición Española: Crise, Golpes e Consolidación da Democracia
A UCD e a Transición Española
A UCD, formación política creada por Adolfo Suárez, logrou gañar dúas convocatorias electorais, a de 1977 e a de 1979, pero en ambas non tiña a maioría absoluta. Esta formación era un partido moi heteroxéneo, resultado da confluencia de individualidades políticas procedentes do antigo franquismo, democristiáns, liberais e incluso da socialdemocracia.
Os Primeiros Anos da Transición
Os primeiros anos da Transición foron moi duros por varios factores: a crise económica do 73, sentida en España dun xeito máis tardío, xerou taxas de inflación altas e un paro crecente que xerou un enorme malestar social con numerosas folgas. A gravidade da situación motivou os Pactos da Moncloa como un acordo global entre sindicatos, partido do goberno e partidos da oposición para evitar o descarrilamento dos pasos dados de cara á normalización política en España.
A Ameaça Terrorista e a Inestabilidade Política
Por outro lado, estaba a actividade da banda terrorista ETA que neses anos cometeu numerosos atentados (os anos de plomo) sobre membros das forzas armadas. A pesar da recén estreada autonomía vasca, as accións terroristas foron a máis creando un profundo malestar entre o exército e os sectores inmobilistas da sociedade española. Cada funeral polos asasinados era unha ocasión da ultradereita de manifestarse en contra do goberno. O proceso autonómico era visto neses sectores ultra como unha provocación contra a unidade de España.
Isto viña a engadirse á desconfianza que o exército tiña sobre Adolfo Suárez dende a legalización do PCE en abril do 77 e á aprobación de medidas como a lei do divorcio que enconou os ánimos da xerarquía da igrexa católica e os sectores máis conservadores da UCD. Neste ambiente de construción dunha democracia, Adolfo Suárez viuse acosado tanto pola esquerda (PSOE) que lle chega a plantexar unha moción de censura en 1980, e pola dereita (AP), de xeito que a súa supervivencia política estaba moi complicada, máxime se o seu propio partido comeza a darlle as costas de xeito que como formación acabou por implosionar nun ambiente político no que había rumores de golpe de Estado.
A Dimisión de Suárez e o Golpe do 23F
Esta situación política extrema obrigou a Adolfo Suárez a presentar a súa dimisión ante o rei en xaneiro de 1981. O 23 de febreiro, mentres se estaba producindo a votación no Congreso de Deputados para investir presidente do goberno a Calvo Sotelo, tamén da UCD, un grupo de Gardas Civís ao mando do Tenente Coronel Tejero ocupan a cámara á espera de que un mando de maior rango pase a encabezar o golpe de Estado. En paralelo, en Valencia, Miláns del Bosch saca os tanques ás rúas e impón o toque de queda.
Segundo os golpistas o rei está informado de todo, dando a entender a súa complicidade no golpe, pero finalmente fracasa pola intervención pública do monarca no que declara a súa adhesión á democracia recén creada e condena a acción dos militares golpistas. Esta intervención televisada impediu a incorporación de novas unidades ao golpe e obrigou aos golpistas a entregarse. Ese día confluíron 2 tramas, unha a protagonizada por Tejero, xa condenado anteriormente por outro intento en decembro do 78 (Operación Galaxia), vencellado a sectores inmobilistas do búnker franquista, e a outra na que estaba implicado o xeneral Armada da que sairía un goberno de concentración nacional.
A Consolidación da Democracia
As manifestacións na rúa ao día seguinte respaldando a democracia por parte da sociedade española e a posterior vitoria do PSOE en outubro do 82 alonxaron para sempre as tentacións golpistas dese sector do exército máis conservador.