O Trienio Constitucional e o Reinado de Fernando VII

Historia2,85 KB

O Trienio Liberal ou Constitucional (1820-1823)

Tras o xuramento de Fernando VII da Constitución de 1812, formouse un goberno integrado por liberais, que recuperou moitos dos decretos das Cortes de Cádiz. O primeiro goberno liberal estivo formado por ilustres exiliados, como Agustín Argüelles (ministro da Gobernación) ou José Canga (de Facenda). Estableceuse un sistema de liberdades políticas, no que destacan as seguintes medidas:

  • Liberdade dos presos políticos.
  • Supresión definitiva da Inquisición.
  • Restauración das autoridades constitucionais en concellos e deputacións.
  • Eleccións a Cortes.
  • Creación da Milicia Nacional, corpo de voluntarios para a defensa do sistema constitucional, que se converterá nun dos símbolos do liberalismo do século XIX.

Estas reformas políticas e económicas foron difundidas mediante dous vehículos de expresión: a prensa, instrumento da pluralidade ideolóxica e da liberdade de expresión, publicándose máis de 700 cabeceiras neses anos; e as sociedades patrióticas, clubs abertos nos que se debatían temas de actualidade política e social, moi vinculadas ás sociedades secretas (masóns, carbonarios, comuneiros) que empezaron a ter importancia en 1814 por participar nas conspiracións liberais.

Atrancos e divisións do liberalismo

A política liberal topou con dous grandes atrancos: a situación internacional (pois en Europa predominaban as monarquías absolutas) e as repetidas conspiracións do monarca para rematar co liberalismo. O movemento dividiuse en dúas tendencias:

  • Moderados: Desexaban un compromiso coas antigas clases dominantes e co rei para que aceptasen as reformas. Defendían un Senado aristocrático, maior poder real e control da prensa.
  • Exaltados: Desexosos de volver á Constitución de 1812, propoñían reformas radicais baseadas nun liberalismo “popular”, que en ocasións chegou a ser republicano.

Os problemas entre moderados e exaltados prolongáronse ao longo do Trienio, aínda que os moderados mantiveron o poder durante case todo o período. No verán de 1820, o goberno moderado intentou disolver o “Exército da Illa” (o que se sublevara en Las Cabezas de San Juan), pero os exaltados non aceptaron. Tamén se negaron á supresión das sociedades patrióticas, ás que o goberno vía como unha ameaza. Así mesmo, boicotearon o intento dos moderados de reformar en sentido conservador a Constitución de 1812 coa introdución do sufraxio censatario e a creación dunha segunda cámara.

Historia de España. 2º Bacharelato. Século XIX

Descargar

PDF Word HTML