A Transición ao Liberalismo en España: De Cádiz (1812) ao Sexenio Democrático (1874)
Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812
O Contexto Histórico: Crise e Guerra
A composición: Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812. O Goberno español durante o reinado de Carlos IV (1788-1808), dirixido por Godoy, autorizou o paso por España das tropas francesas. O malestar que produciu a súa entrada foi "aproveitado" polos "fernandinos" (partidarios de Fernando VII) para instigar o Motín de Aranjuez (1808), no que obrigaron a Carlos IV a abdicar no seu fillo. Non obstante, nese mesmo ano prodúcense as Abdicacións de Baiona, nas que Napoleón obriga a Fernando a devolverlle a coroa ao seu pai, e este cédelle os dereitos a Napoleón, que nomea ao seu irmán Xosé I rei de España.
O traslado da familia real a Francia provoca o levantamento da poboación madrileña do Dous de Maio de 1808, ao que lle seguirá o do resto do país, iniciándose así a Guerra de Independencia (1808-1814).
A guerra rematou en 1813 co Tratado de Valençay, polo que se lle devolvía a coroa a Fernando VII.
Nas súas tarefas de goberno, o rei Xosé I estivo apoiado por un grupo reducido de españois que o apoiaban, chamados afrancesados, convencidos de que o reformismo autoritario era o único medio para lograr a renovación e o cambio de España.
As Xuntas de Goberno e a Soberanía Nacional
Ante a pasividade das autoridades durante as Abdicacións de Baiona e a invasión das tropas francesas, as elites dirixentes crearon as Xuntas de Goberno que se encargaron de organizar a guerra e adoptaron medidas para reformar o sistema político vixente.
Eran de composición moi variada e, en moitos casos, controladas polos grupos dominantes tradicionais. Estas xuntas representaron unha ruptura coa orde política ata entón vixente e unha nova concepción do poder que se pode considerar revolucionaria. Fundamentando a súa lexitimidade na vontade popular e colectiva de defensa do país, as xuntas asumiron o poder supremo e a soberanía na súa xurisdición, substituíron ou incorporaron ás institucións e ás autoridades tradicionais e declararon a guerra a Francia.
Convocatoria e Composición das Cortes de Cádiz
Durante a guerra esténdese a idea da necesidade de convocar unhas cortes xerais extraordinarias para recoñecer a vontade do país. Para os estamentos privilexiados debían ser unhas cortes estamentais e había que manter o sistema político absolutista. Para outros, os partidarios do liberalismo, era necesario realizar grandes cambios e transformacións, restrinxir o poder real e establecer unha constitución baseada na soberanía do pobo e na separación de poderes.
En 1810, o Consello de Rexencia fixo a convocatoria a cortes mediante sufraxio universal masculino indirecto. Os deputados foron chegando con dificultade a Cádiz. Moitas provincias ocupadas do centro non puideron elixilos. Para substituílos designáronse suplentes provisionais que residisen en Cádiz. A maioría destes suplentes era partidaria do liberalismo, o que, xunto á maior presenza de deputados das cidades do litoral, nas que tiña maior presenza a burguesía, reforzou o sego progresista dos reunidos.
En canto á composición social das Cortes, predominaron os deputados das clases medias urbanas e instruídas. O grupo maioritario estivo constituído polos eclesiásticos, seguidos dos avogados, xente da administración e dos militares. Foron escasos os comerciantes, así como as altas xerarquías eclesiásticas e a nobreza, e non asistiu ningún artesán nin campesiño. Con relación ás tendencias ideolóxicas, pódense agrupar nos liberais (Conde de Toreno), partidarios de reformar o sistema político vixente, e os absolutistas (Valiente), contrarios á desaparición do sistema político absolutista.
Os Decretos de Cádiz: Abolición do Antigo Réxime
Estas cortes elaboraron numerosos decretos polos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime e se establecía un novo modelo político, administrativo, social e económico inspirado nos principios ideolóxicos do liberalismo. Entre eses decretos caben destacar:
- Decreto polo que se proclamaba a soberanía nacional e separación de poderes. Proclamaron a soberanía nacional que residía nas Cortes; fronte ao poder absoluto defenderon a separación de poderes.
- Decreto que establecía a liberdade de imprenta sen censura previa.
- Decreto no que se abolían os privilexios de orixe feudal e os señoríos xurisdicionais. O decreto distinguía entre os señoríos territoriais, nos que o señor era propietario das terras, que pasaban a ser consideradas patrimonio privado do mesmo, dos señoríos xurisdicionais, que eran abolidos. Establecía o decreto que terían que ser os señores os que acreditasen a natureza do señorío presentando títulos de propiedade para demostrar que era territorial. Entendíase que en caso de non poder facelo esas terras eran consideradas propiedade dos veciños do lugar. Con todo, isto non supuxo para os nobres a perda da propiedade da terra, debido á maior capacidade dos señores para pleitear nos tribunais fronte aos campesiños. Así mesmo, o decreto deixaba vixente o décimo que percibía a Igrexa.
- Decreto que suprimía o Tribunal da Inquisición.
- Decreto que suprimía os gremios.
- Decreto que establecía a desamortización de bens de propios e baldíos dos Concellos. Tamén se poñían en venda os bens dos afrancesados, das ordes militares, parte do patrimonio da Coroa e dos conventos suprimidos ou destruídos.
- Eliminación do morgado.
A Constitución de 1812: A Pepa
As cortes elaboraron a primeira constitución española, a Constitución de 1812 (coñecida popularmente como A Pepa), que establecía en España un sistema político liberal, e fixaba como principios políticos:
- A soberanía nacional, case popular, ao establecer o sufraxio universal masculino indirecto (con excepción dos criados domésticos e dos escravos das colonias).
- A separación de poderes incompleta:
- O executivo residía no Rei, que era xefe de Estado e de Goberno.
- O lexislativo residía nas Cortes, unicamerais, pero o rei tiña dereito de veto dunha lei por dúas veces consecutivas (de aí que non estean totalmente separados os tres poderes).
- O xudicial residía nos tribunais.
- Como forma de goberno establecíase a monarquía constitucional. Tamén é característico o unitarismo e centralismo político e o estado era confesional.
- Hai tamén un recoñecemento dos dereitos individuais aos cidadáns: a liberdade de imprenta sen censura previa (agás os libros relixiosos) ou a inviolabilidade do domicilio.
A Constitución de 1812 coñeceu tres períodos de vixencia: o primeiro vai de 1812 a 1814; o segundo vai dende 1820 ata 1823, durante a etapa do Trienio Liberal; e o terceiro vai dende 1836 ata 1837.
En definitiva, o conxunto dos decretos e reformas das Cortes de Cádiz e a propia Constitución aboliron legalmente o Antigo Réxime e estableceron un sistema político liberal. Porén, a súa repercusión práctica foi escasa debido á situación de guerra, tamén a que as masas populares, que constituían a maioría da poboación, viron estas reformas como estrañas e deron crédito ás prédicas dos eclesiásticos, que as presentaban coma contrarias á relixión e aos costumes tradicionais, e a que pronto foron derrogadas coa chegada do monarca Fernando VII a España en 1814.
A Restauración de Fernando VII e o Absolutismo (1814-1833)
Etapas do Reinado de Fernando VII
O reinado de Fernando VII (1814-1833) caracterizouse polo enfrontamento entre os partidarios do absolutismo, encabezados polo propio rei, e os defensores do sistema político liberal establecido nas Cortes de Cádiz. O seu reinado pode dividirse en tres etapas en función do sistema político:
- O Sexenio Absolutista (1814-1820)
- O Trienio Liberal (1820-1823)
- A Década Absolutista ou Ominosa (1823-1833)
O Sexenio Absolutista (1814-1820)
Fernando VII ascendeu ao trono en 1808 grazas ao Motín de Aranjuez. Despois de que este lle pedira axuda, Napoleón reuniu en Baiona á familia real e obrigou a Fernando VII a devolverlle a coroa ao seu pai, e este deulla a Napoleón, que nomeou rei ao seu irmán Xosé I. Estes acontecementos son coñecidos como as Abdicacións de Baiona (xuño de 1808). Durante a Guerra de Independencia Fernando permaneceu en Francia. Logo da derrota dos franceses, polo Tratado de Valençay, Napoleón devólvelle a Coroa a Fernando, que regresa a España en 1814.
O problema que se presentou coa súa volta foi o seguinte: os liberais querían que o rei acatase a Constitución de 1812 e aprobase os decretos de Cádiz, e os absolutistas que anulase todas as reformas feitas. Un grupo de absolutistas publicou en 1814 o Manifesto dos Persas, no que defendían a monarquía absoluta e pedían que derrogase a Constitución de 1812. Fernando VII decantouse por estes últimos e declarou nulos os decretos de Cádiz e a Constitución de 1812 mediante o Decreto de Valencia do 4 de maio de 1814.
Iniciouse entón unha etapa absolutista, na que se recuperou a soberanía real, se restableceu o Tribunal da Santa Inquisición, a Mesta, os gremios e os señores recuperaron os privilexios e os dereitos señoriais. Os liberais foron duramente reprimidos e, como sabían que non tiñan o apoio popular, acudiron á axuda dos militares, o que provocou que se produciran numerosos pronunciamentos, como o de Porlier de 1815, que tiña por obxectivo a volta ao sistema político liberal.
O Trienio Liberal (1820-1823)
En 1820, o pronunciamento de Riego tivo éxito e Fernando VII viuse obrigado a xurar a Constitución. Tamén formou un goberno integrado por liberais, que recuperou moitos decretos das Cortes de Cádiz, restableceu a Constitución de 1812 e as Cortes formadas por eleccións mediante sufraxio universal masculino indirecto. Iniciouse un período de reformas políticas e económicas para aplicar eses decretos, no que se recuperou a liberdade de imprenta, suprimiuse a Inquisición, os gremios, o morgado e o réxime señorial.
Esbozouse unha nova división provincial, unha reforma da instrución pública e do exército, iniciouse a elaboración dun novo Código Penal e suprimiuse a metade do décimo eclesiástico.
Pero no grupo de liberais xurdiu unha división entre moderados e exaltados. Os moderados eran partidarios do respecto á liberdade da persoa e da propiedade, pero crían que a Constitución de 1812 debía ser reformada nos seus aspectos máis radicais. Os exaltados eran partidarios da Constitución de 1812 e querían acelerar as reformas. Esta división facilitou os intentos dos absolutistas para restaurar o Antigo Réxime, que contaron co apoio do propio Fernando. O medo das potencias europeas a que se estendese a revolución fixo que decidiran intervir en España para restaurar o reinado absoluto de Fernando VII. En 1823 un exército coñecido como Os Cen Mil Fillos de San Luís, dirixido polo Duque de Angulema, invadiu España e Fernando VII recuperou o poder absoluto e aboliu todas as leis e institucións do Trienio Liberal.
A Década Ominosa (1823-1833)
Iniciouse a etapa da Década Absolutista ou Ominosa, que foi unha época de represión contra os liberais, con execucións (as de Riego e Mariana Pineda), encarceramentos e exilio en Londres, onde seguiron conspirando para que volvese o liberalismo.
Pero, a volta ao absolutismo non supuxo a restauración completa do Antigo Réxime, xa que desapareceu a Inquisición e iniciouse unha reforma fiscal para solucionar a diminución dos ingresos debido á perda das colonias. Tamén se creou o Consello de Ministros e o Banco de San Fernando, antecedente do Banco de España. A suavización do Antigo Réxime provocou que os absolutistas acusasen ao rei de estar cos liberais e agrupáronse en torno ao seu irmán, D. Carlos María Isidro, que era absolutista e tamén sucesor do rei por non ter este descendencia.
Pero en 1829 Fernando VII casou con Dna. María Cristina de Borbón e en 1830, unha vez que se coñece o seu embarazo, publicouse a Pragmática Sanción, que derrogaba a Lei Sálica, que impedía ás mulleres reinar. Cando nace a filla Isabel é nomeada herdeira e á morte do rei en 1833 prodúcese a Primeira Guerra Carlista, entre os partidarios de D. Carlos (os carlistas) e os de Isabel.
A Construción do Estado Liberal (Reinado de Isabel II)
O Triunfo do Liberalismo e as Correntes Ideolóxicas
Durante o reinado de Isabel II (1833-1868), o sistema liberal imponse en España e dáse por rematado o absolutismo e, con el, o Antigo Réxime. A partir da morte de Fernando VII, a opción liberal acabará por impoñerse.
O triunfo do liberalismo fronte ao Antigo Réxime converteu ao primeiro na ideoloxía dominante, pero á hora de levar á práctica os seus principios políticos e económicos, existiron fortes diferenzas que causaron a súa división en varias tendencias. Estas diferenzas xiraron principalmente en torno a cinco aspectos: a soberanía; o exercicio e a separación de poderes; o dereito de liberdades, especialmente o dereito de sufraxio; a cuestión relixiosa e a organización territorial do Estado.
Correntes Ideolóxicas
- O Tradicionalismo: Corrente ideolóxica heteroxénea, reaccionaria, ultraconservadora e antiliberal. Defenden a permanencia dos valores políticos, sociais e relixiosos propios do Antigo Réxime, a monarquía patriarcal, as leis tradicionais e a vixencia do catolicismo. Grupos representativos son os carlistas e os neocatólicos. Os seus apoios sociais son sectores da nobreza e do clero.
- O Liberalismo Doutrinario: Defendía a monarquía constitucional, a soberanía compartida entre o rei e as Cortes, o sufraxio censatario, a limitación de dereitos individuais e o Estado confesional católico. Foi o seguido polo Partido Liberal Moderado e Progresista.
- O Liberalismo Democrático: Defendía a soberanía nacional, case popular; o sufraxio universal masculino; unha ríxida separación de poderes; un estado laico e, como forma de goberno, a monarquía ou a república. Consideran que os dereitos e liberdades debían figurar de forma ampla na Constitución (liberdade de expresión, dereitos de asociación e reunión). Este sistema era defendido pola pequena burguesía e as clases populares urbanas.
Os Partidos Políticos no Reinado de Isabel II
Os partidos políticos do século XIX eran moi distintos aos actuais. Tratábanse de agrupacións de persoas influentes e non constituían partidos elaborados, senón correntes de opinión ou "camarillas" vinculadas por relacións persoais ou intereses económicos. A escasa participación nas eleccións facía do pobo, analfabeto e sumido na pobreza, un mero espectador da vida política centrada en Madrid.
Os cinco grandes partidos existentes durante o Reinado de Isabel II foron:
Partido Carlista
Defensor da volta do Antigo Réxime, o absolutismo monárquico e a soberanía real, os privilexios forais e estamentais, e a restauración da Inquisición. Eran apoiados pola nobreza reaccionaria, os campesiños temerosos do liberalismo e o clero.
Partido Moderado
Defendía a soberanía compartida rei-Cortes, con máis atribucións da Coroa; eran partidarios da "orde" e dun estado e administración moi centralizados (alcaldes nomeados polo Goberno), do sufraxio censatario moi restrinxido, da reconciliación coa Igrexa e dos dereitos individuais limitados. Foron os predilectos do monarca e representaban ás clases máis ricas. O seu líder máis destacado foi Narváez. A súa etapa característica foi a Década Moderada (1844-1854), onde se elabora a Constitución de 1845 coa que se deseña para España un sistema político liberal doutrinario ou conservador, créase a Garda Civil, establécese un sufraxio censatario moi restrinxido, asínase un concordato con Roma e os alcaldes pasarían a ser nomeados polo goberno, entre outras medidas.
Unión Liberal
Xorde no Bienio Progresista (1854-1856) e defendía a soberanía compartida entre o rei e as Cortes e a orde social. Era un termo medio entre progresistas e moderados. O seu líder era O'Donell e a súa etapa característica foi a Década Moderada-Unionista (1856-1866).
Partido Progresista
Defendíase a soberanía compartida, representada polas Cortes; o sufraxio censatario máis amplo; a liberdade de culto; alcaldes escollidos por sufraxio; a Milicia Nacional e o librecambismo. Apoiado polas clases medias e a burguesía industrial, unicamente accederon ao poder por medio de pronunciamentos. O seu líder máis destacado foi Espartero. As súas etapas características foron de 1835 a 1840, onde ten lugar o desmantelamento do Antigo Réxime, a aprobación da Constitución de 1837 e a Desamortización de Mendizábal; e o Bienio Progresista (1854-1856), onde se levou a cabo a Desamortización de Madoz e se aprobou a Lei de Ferrocarrís.
Partido Demócrata
Fundado en 1849 e defensor da soberanía popular, o sufraxio universal masculino, a Milicia Nacional e a limitación dos poderes do rei ao mínimo. Eran apoiados polas clases medias-baixas. A súa etapa característica foi o Sexenio Democrático, no que se aproba a Constitución de 1869, que recolle, por exemplo, o dereito de asociación e reunión.
O Papel do Exército
En todo este proceso de construción do Estado liberal tivo grande importancia o papel que xogou o exército. A súa intervención foi determinante tanto nos cambios de goberno, que forzaba á Coroa a entregar o poder a moderados ou progresistas, como nas guerras carlistas, que fixeron que o exército fose a única garantía de pervivencia de Isabel II no trono. Todo isto desembocou nunha "militarización" da vida política e nunha institucionalización deste recurso por parte dos partidos políticos. Os seus líderes eran altos cargos militares (Narváez, Espartero, Prim, O'Donell).
A Revolución Gloriosa (1868) e a Constitución de 1869
O Sexenio Democrático (1868-1874)
O período entre 1868 e 1874 coñécese como Sexenio Democrático porque, por primeira vez, o ideario do sufraxio universal e os dereitos sociais aparecían na vida política española. Tamén foi cualificado de revolucionario porque durante seis anos o país coñece unha axitada etapa de cambios políticos, movementos sociais, conflitos armados e solucións fracasadas. A crise do reinado de Isabel II provocou esta revolución de 1868.
Causas da Revolución de 1868
As causas da revolución foron varias:
- Crise financeira: Causada pola falta de rendibilidade dos investimentos ferroviarios. Como consecuencia disto, o valor das accións ferroviarias na Bolsa caeu estrepitosamente.
- Crise industrial: Afectou especialmente a Cataluña. A Guerra de Secesión dos Estados Unidos (1861-1865) interrompeu a exportación de algodón en rama, e os prezos deste subiron espectacularmente.
- Crise social e de subsistencia: Debido á crise económica, á subida dos prezos do algodón, á baixada da demanda dos téxtiles e ao peche de moitas fábricas, aumentou o paro e empeoraron as condicións de vida dos traballadores. Houbo tamén unha crise de subsistencia que se inicia cara a 1866 debido ás malas colleitas do trigo.
- Crise política: O esgotamento e a impopularidade do moderantismo e da monarquía de Isabel II.
No ano 1866, e vendo como o goberno facía oídos xordos ás necesidades do país, créase o Pacto de Ostende co que se pretendía acabar co moderantismo. Nel, os progresistas e os demócratas establecían as bases mínimas para unha acción revolucionaria. Era claramente antisabelino e a forma de goberno, monarquía ou república, sería escollida en Cortes constituíntes mediante sufraxio universal masculino. Grazas ao apoio dos unionistas, lograron privar a Isabel II de gran parte do apoio do exército.
O Desenvolvemento da Gloriosa
Iniciábase a revolución en Cádiz cun pronunciamento ou levantamento militar das tropas da Mariña baixo o mando do almirante Topete. Este acto deu paso a un movemento revolucionario coñecido como A Gloriosa, que foi o resultado dunha alianza entre progresistas e unionistas, coa aprobación dos demócratas. Aínda que interviñeron militares de prestixio (Prim, Serrano, de Rivera, etc.), houbo unha destacada presenza de civís das clases burguesas; o obxectivo era derrocar á raíña e sacar do poder aos moderados.
Pouco despois, os sublevados venceron ás tropas reais e á raíña na batalla de Ponte de Alcolea (Córdoba). En paralelo a este clásico pronunciamento militar xurdiron varias Xuntas Revolucionarias que reclamaban o sufraxio universal e a liberdade de prensa, ensino e asociación e a abolición dos impostos de consumo e da redención de quintas. Hai pois unha unión entre pronunciamento e revolución social.
En outubro de 1868, a xunta revolucionaria encomendaba ao xeneral Serrano a formación dun goberno provisional, que se constituíu o día 8, tras a chegada do xeneral Prim. Inmediatamente estableceu a disolución das xuntas, o recoñecemento da liberdade de imprenta, reunión e asociación e do sufraxio universal, a reforma da ensinanza coa liberdade de cátedra, democratización de concellos e deputacións, a supresión do imposto de consumos substituído por un imposto persoal e universal, creación da peseta como moeda única para todo o Estado, e a desamortización do subsolo e a adopción dunha política librecambista.
Pero as medidas do goberno provisional frustraron as aspiracións que puxeran as clases populares na revolución, xa que non se implantou a República, mantívose o culto ao clero, o campesiñado non recibiu as terras en propiedade e a clase obreira acabou buscando refuxio político nas ideas da Internacional.
A Constitución de 1869
En xaneiro de 1869 terán lugar eleccións a Cortes constituíntes, mediante sufraxio universal masculino con maioría de progresistas e unionistas, pero cun notable grupo de deputados republicanos. As Cortes encargáronse de elaborar unha nova Constitución. Esta Constitución de 1869 será a primeira verdadeiramente democrática na historia de España.
Os seus principios fundamentais foron:
- Soberanía nacional de base popular.
- Clara separación de poderes:
- O Rei exercía o poder executivo a través dos seus ministros, libremente escollidos e responsables ante as Cortes. Sancionaba e promulgaba as leis sen capacidade de vetalas e podía suspender e disolver as Cortes, pero só unha vez por lexislatura. Estaba suxeito á soberanía nacional.
- As Cortes bicamerais (Congreso e Senado), elixidas por sufraxio universal masculino, asumían en exclusiva o poder lexislativo, controlaban as accións do goberno e aprobaban os orzamentos.
- O poder xudicial estaba en mans dos tribunais formados por xuíces, nomeados a través dun sistema de oposicións, e xurados con participación popular.
- Establecía un Estado de dereito, cos dereitos e liberdades individuais recollidos de forma explícita e ampla. Recollíase por primeira vez o dereito de asociación e reunión e a inviolabilidade da correspondencia.
- Liberdade de cultos, eliminando a confesionalidade do Estado.
A Monarquía de Amadeo I e a I República
Durante este período, a rexencia tivo que facer fronte a unha serie de problemas: a Guerra colonial con Cuba, a oposición activa dos carlistas e afonsinos, o acoso dos republicanos e o descontento das clases populares.
A todo isto sumábaselle o feito de que había que atopar un monarca que ocupase a xefatura de Estado. Logo de examinar diversos candidatos, Prim logrou convencer a Amadeo de Savoia para que aceptase o trono de España e reinase como Amadeo I. Pero o asasinato de Prim pouco antes de que Amadeo chegase a España deixaríao desde o principio sen o seu principal valedor e apoio. Amadeo reinaría de 1871 a 1873, etapa na que terá lugar unha maior inestabilidade política: división entre constitucionalistas e radicais, ruptura dos demócratas, nacemento do movemento obreiro, a Terceira Guerra Carlista e a Guerra de Cuba. Isto lévao á súa renuncia ao trono, que daría lugar á I República (1873-1874).