A Transición Española: Da Lei de Reforma á Constitución de 1978
Tras a aprobación por parte das Cortes franquistas (coñecidas como as Cortes Haraquiri) da Lei de Reforma Política, en novembro de 1976, ratificada en referendo o 15/12/76, que poñía as bases para a legalización dos partidos políticos, despois dun violento mes de xaneiro do 77 onde houbo secuestros do GRAPO e a matanza dos avogados laboralistas a mans da ultradereita, e tras a legalización do PCE na Semana Santa de 1977 contra o parecer da cúpula militar que puxera como condición para permitir o anterior paso a legalización das formacións políticas menos o PCE, o Presidente Adolfo Suárez convocou eleccións para unhas Cortes Constituíntes para o 15/6/77. Estas eleccións serían as primeiras dende a Segunda República.
Concorreron a estes comicios numerosas formacións. A vitoria foi para a UCD, a formación política creada por Adolfo Suárez para seguir controlando o proceso de transición política dende os antigos aledaños franquistas. A segunda forza máis votada foi o PSOE. Tanto a formación creada por Fraga Iribarne, AP, como o PCE foron as grandes perdedoras. Os partidos políticos extremistas quedaron fóra do hemiciclo. A poboación española votaba moderación e consenso e rexeitaba aquelas formacións que lembraban ao conflito da Guerra Civil.
En agosto do 77 quedou constituída unha comisión redactora do borrador do texto constitucional para sometelo despois a un proceso de emendas e melloras que duraría ata outubro do 78 en que foi aprobada polas Cortes e o 6/12/78, aprobada en referendo pola cidadanía. O resultado é un texto froito do consenso, intencionadamente ambiguo para evitar que o texto puidera ser utilizado de forma partidista por unha formación, inspirada en anteriores constitucións españolas (1876 e 1931) e textos do estranxeiro, progresista e democrática e cunha estrutura dogmática, no que se refire aos principios, e unha parte orgánica no que se refire á organización do Estado.
A constitución española de 1978 recoñece a soberanía popular baixo un réxime de monarquía parlamentaria e establece que España é un Estado social e democrático de dereito. O rei reina, pero non goberna. Con todo ten a atribución de ser o Xefe das Forzas Armadas, aspecto este que lle permitiu parar o golpe de Estado de 1981. España, pola Constitución do 78 defínese como un Estado unitario, pero descentralizado administrativamente en autonomías, recuperando a solución territorial habilitada na Segunda República. De feito, Cataluña, País Vasco e Galicia son tratadas como nacionalidades históricas polo que poden chegar aos estatutos de autonomía pola vía rápida do artigo 151 en lugar do 143 que afectará a todas as demais. Cada autonomía terá un parlamento propio, un goberno e un Tribunal Superior de Xustiza.
Esta constitución recolle que España é un Estado aconfesional, se ben recoñece que a relixión católica é a maioritaria do pobo español polo que terá unha consideración especial. Recolle os dereitos de deberes da cidadanía e o funcionamento das institucións do Estado. Recolle a posibilidade do divorcio, os dereitos sociais, dereitos de folga, de asociación, de liberdade de prensa, pluralidade política e sindical.
Esta constitución volve contemplar dúas cámaras nas Cortes:
- O Congreso dos Deputados, 350 deputados elixidos por sufraxio universal directo, en listas pechadas polos partidos, baixo o sistema D'Hont e de representación proporcional.
- O Senado, elixido por un sistema de listas abertas e representación maioritaria.
O Congreso exerce unha función de control sobre o goberno, dá a súa confianza ao mesmo e discute e elabora os proxectos de lei que unha vez aprobados deben pasar pola súa ratificación ou devolución no Senado. O Senado, á súa vez ten unha atribución de cámara para tratar os asuntos de tipo territorial que nunca foi ben desenvolvida.