Tipos de Razoamentos e Argumentación Sólida
- Ser un argumento válido, é dicir, que a conclusión derive correctamente das premisas, de tal xeito que, se estas son verdadeiras, necesariamente a conclusión tamén o será. Existen tres formas correctas de inferir unha conclusión dunhas determinadas premisas:
Razoamento Indutivo
Neste tipo de razoamento tómase como probas un número significativo de casos particulares dos que se extrae unha conclusión que é unha característica xeral aplicable en todos os casos observados.
Razoamento Dedutivo
Dedución procede do latín deductio, 'facer descender', e refírese a afirmar a verdade dun enunciado partindo da verdade de enunciados xa coñecidos. Na lóxica moderna emprégase o termo derivación.
Razoamento Hipotético
Etimoloxicamente, o termo abdutivo significa 'levar desde lonxe'; neste tipo de razoamento, a partir da descrición dun feito chégase á hipótese explicativa máis probable. Algunhas correntes chámanlle conxectura.
- Ter un contido verdadeiro, isto é, que os enunciados que o compoñen se correspondan coa realidade. Por iso, os enunciados dos argumentos deben ir acompañados de probas que os apoien.
É importante ter en conta que hai un principio da argumentación, que se coñece como a carga da proba, segundo o cal quen afirma é a quen lle corresponde probar as súas teses. Unha vez determinada a carga da proba, estes son os criterios dunha boa argumentación:
- Criterio de veracidade e relevancia. Debe manexar premisas verdadeiras, termos correctos, fontes fiables, autoridades coñecidas, etc.
- Criterio de intelixibilidade e claridade. Debe resultar comprensible, ter unha estrutura organizada e ben enlazada, e ser todo o clara que o tema permita. Se argumentamos deste xeito, o auditorio recoñecerá as nosas premisas facilmente e chegaranlle con maior forza.
- Criterio de boa conduta argumentativa. Debe ter como obxectivo axudar a solucionar o problema que se está debatendo: dirixirse á tese real e rexeitar os argumentos incorrectos e aceptar os válidos, sexan ou non os nosos, sen deixarse enganar por falacias e nesgos cognitivos.