Teoría do desenvolvemento moral de Lawrence Kohlberg

Filosofía e ética2,49 KB

A capacidade moral é un trazo exclusivo do ser humano, pero non nacemos con ela no seu pleno desenvolvemento, senón coa disposición para aprendela.

O desenvolvemento moral segundo Lawrence Kohlberg

En 1955, o psicólogo Lawrence Kohlberg realizou unha investigación ética con xente nova e descubriu que o razoamento moral atravesa tres niveis de desenvolvemento ata alcanzar a plenitude:

1. Nivel preconvencional

A persoa xustifica as súas decisións morais non por respecto a unha norma, senón por temor a ser castigada por unha autoridade. Cando o suxeito moral vai evolucionando, comeza a seguir os seus propios intereses, polo que a norma coincide co seu propio beneficio.

2. Nivel convencional

A persoa xustifica as súas decisións pola aprobación das persoas próximas (familia, amizades, etc.). Conforme avanza moralmente, o suxeito séntese parte dunha sociedade e acata as súas normas, asumindo que este comportamento mantén a orde dentro do grupo.

3. Nivel posconvencional

É o grao máis alto de maduración moral, que non alcanzan moitas persoas. Nel antepóñense os principios morais aos intereses persoais e ás normas de grupo. A persoa dáse de conta de que as normas morais son relativas ao grupo, pero recoñece tamén a existencia de valores universais, como os dereitos humanos.

Os dilemas morais

A teoría de Kohlberg baséase nunha serie de dilemas morais que foron presentados aos participantes do estudo para medir o seu grao de aceptación das normas e os motivos das súas accións morais. O máis coñecido é o dilema de Heinz.

Outras perspectivas éticas

O universalismo

O universalismo defende a existencia de valores morais absolutos que serven como criterio para xulgar a diversidade de costumes e códigos de conduta. Foi defendido por diferentes correntes éticas.

O intelectualismo moral

O intelectualismo moral é a teoría ética defendida por Sócrates e Platón. Significa que non hai persoas malas, senón ignorantes, e que quen sabe e coñece o que é o ben xa non vai deixar de practicalo, pois vaise dar conta de que ese é o verdadeiro camiño cara á felicidade.

Como vimos, Platón postulou a existencia das ideas, un tipo de realidades que, coma os entes matemáticos, só poden ser captadas pola razón. Os valores morais e a idea de ben son desta clase: só poden ser apreendidos despois dunha educación axeitada.

Descargar

PDF Word HTML