Teoría do Coñecemento: Abstracción e Realismo Moderado
1) TEORÍA DO COÑECEMENTO: ABSTRACCIÓN E REALISMO MODERADO: Tomé de Aquino afirma a inmaterialidade do entendemento e da alma (o entendemento ten como obxecto o ser do real, de todo o real, sen ningunha limitación). No ser humano o entendemento atópase unido a un corpo material dotado de determinados órganos de coñecemento (sentidos), isto ten a súa raíz na unión substancial existente entre o corpo e a alma, defendida por Aquino fronte ao agostinismo, baseándose na teoría hilemórfica de Aristóteles. De aí que o entendemento humano teña por obxecto o ser das realidades materiais sensibles e non o ser de todo o real. A vinculación do entendemento humano a un corpo dotado de sentidos impón que o coñecemento intelectual comece co coñecemento sensible e non se poida exercer sen o seu concurso: o entendemento elabora os conceptos a partir dos datos subministrados pola percepción sensible. Isto presenta o problema de como é posible pasar das representacións sensibles aos conceptos, xa que estes posúen características distintas:
- Os conceptos son universais, por exemplo, o ser humano é un animal intelixente e libre. Esta proposición non se refire a ningún individuo en concreto, pero é válida para todos os seres humanos. O concepto de ser humano, como todos os conceptos, é universal.
- Pero as percepcións sensibles non son universais: ninguén viu nin verá o ser humano, existen seres humanos concretos pero non existe o ser humano.
O problema da formación de conceptos é o de pasar da individualidade das percepcións sensibles á universalidade dos conceptos. Haberá que admitir que o entendemento posúe a capacidade de extraer os conceptos a partir dos datos achegados polo coñecemento sensible. Esta capacidade denomínase capacidade abstractiva e a súa actividade correspondente abstracción. Os filósofos que admiten que o noso coñecemento comeza cos sentidos, admiten tamén a abstracción como proceso de formación dos conceptos. Na filosofía de Tomé de Aquino a abstracción explícase do seguinte xeito: Distínguese no entendemento a dobre capacidade ou actividade:
- Por un lado a capacidade de universalizar, é dicir, de converter en universais as representacións sensibles particulares.
- Por outro lado a capacidade de coñecer universalmente (esta depende da primeira).
As percepcións sensibles deixan na imaxe ou na memoria unha imaxe ou representación particular (a terminoloxía tomista denomina fantasía á imaxinación, ás imaxes chámaas "fantasmas"). A capacidade abstractiva ou entendemento axente actúa sobre estas imaxes ou fantasmas, desposuíndoas dos seus elementos individuais e facendo posible que se exerza a segunda capacidade do entendemento: o coñecemento mediante a formación de conceptos universais. Aquino afirma que o que o entendemento coñece primariamente e directamente é o universal. O entendemento só coñece os seres individuais dun modo indirecto e secundario ao desviar a súa mirada cara ás imaxes particulares.
REALISMO MODERADO: A doutrina de Santo Tomás é o realismo moderado. Os universais teñen realidade pero non existen como universais senón en forma abstracta. A especie só se dá individualizada e o principio de individualización é a materia signata.