Teatro Galego: Xeración dos 50 e Grupo de Ribadavia (1936-1976)

Lingua e literatura5,03 KB

O teatro galego entre 1936 e 1976:

A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

A Guerra Civil e a posterior ditadura militar supuxeron o traslado da produción teatral ao exilio. Así, en Bos Aires vaise representar Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e vaise desenvolver un programa estable de representacións teatrais da man de Varela Buxán, gran promotor do teatro no exilio, que foi actor, director teatral, creador de compañías e autor das obras O ferreiro de Santán e A taberna do demo, de temática rural, popular e cómica, que pretenden evocar no público a lembranza da súa terra. A partir da posguerra, en Galicia podemos establecer dúas xeracións que conviven cos autores anteriores ao 36: a Xeración dos 50 e a xeración das Mostras de Ribadavia.

A Xeración dos 50

Nos anos 50 o teatro galego segue tres liñas:

  1. a costumista ou de comedia urbana desenvolvida antes da guerra por un sector das Irmandades da Fala,
  2. a que continúa a tendencia modernizadora do teatro de preguerra, representada por Otero Pedrayo (O desengano do prioiro, O fidalgo e a noite, Rosalía), Jenaro Marinhas (A serpe), Carballo Calero (A farsa das zocas) e Ánxel Fole (O pauto do demo) e autores como Blanco Amor –que introduce influencias do teatro de Valle Inclán e de Lorca nas súas pezas Farsas para títeres e Teatro prá xente–, e Álvaro Cunqueiro coa obra de maior orixinalidade e importancia destes anos, O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca –reinterpretación da obra de Shakespeare a través do protagonista que vive condicionado por un destino que o persegue, por unha vida que xira arredor da vinganza e que remata co fracaso vital centrado nunha múltiple mentira: Hamlet é fillo do que el cre o seu tío e do que pretende vingarse–, e
  3. a das pezas existencialistas que equivalen no teatro ao que na poesía recibiu o nome de Escola da Tebra, escritas por autores como Franco Grande, Carballo Calero, Jenaro Marinhas ou Manuel María. Moitos dos autores da Xeración dos 50 dedicáronse ao xénero teatral nun contexto ─a Ditadura─ que facía practicamente imposible a representación das súas pezas polo que, na maior parte dos casos e a pesar da vontade dos seus autores, se trata dun “teatro para ler”.

O Grupo de Ribadavia

Nos anos 60 e 70 van nacer numerosos grupos de Teatro independente: “Teatro O Facho”, “Keyzán”, “Histrión 79”, “Máscara 17”, “Antroido”, “Artello”, “Mari-Gaila” ou “Troula” e, ao mesmo tempo, a produción teatral adquire especial importancia coa segunda xeración do teatro de posguerra ─a Xeración das Mostras de Ribadavia─ a través de iniciativas como a Mostra de Teatro de Ribadavia e os Certames Teatrais de Ribadavia, que supoñen unha plataforma para a presentación da produción teatral dos autores dese momento. En 1973, a Agrupación Cultural Abrente, de Ribadavia, convoca a 1ª Mostra e o 1º Certame Abrente de Teatro Galego, iniciativa que convertería a Ribadavia durante varios anos no punto de encontro de todos os interesados no mundo do teatro e, por primeira vez, os grupos teatrais puideron coñecerse e intercambiar experiencias con outros grupos, galegos e non galegos, e tiveron a posibilidade de contrastar opinións do público e dos críticos e, por outro lado, os autores tiveron un estímulo para a creación e a representación das súas obras. Pola súa participación destacada nas Mostras e Certames de Teatro de Ribadavia, coñécese como Grupo Abrente ou Grupo de Ribadavia unha serie de dramaturgos, ao mesmo tempo escritores, actores, directores e promotores de compañías, que logrou renovar e consolidar o teatro galego nos anos 70 e comezos dos 80 impulsando a profesionalización do sector, creando un teatro contemporáneo de calidade, comprometido coa realidade social e política do país, explorando novas formas estéticas coa incorporación ao teatro galego dos logros da dramaturxia europea contemporánea e impulsando a edición de diversas publicacións periódicas, a convocatoria de premios e a constitución de asociacións dedicadas ao fomento do teatro. Forman o Grupo : Manuel Lourenzo, que desenvolve o papel de enlace entre os autores de posguerra e os máis novos; é autor, director, estudoso do teatro e mesmo actor, e unha das figuras máis destacadas do panorama teatral galego. A súa obra é moi extensa: Romaría ás covas do demo (peza na que retoma a mitoloxía clásica), Viaxe ao país de ningures, Todos os fillos de Galaad, Erros e ferros de Pedro Madruga... Euloxio R. Ruibal, que se dá a coñecer no panorama teatral galego coa obra Zardigot de estilo cinematográfico na que explora a historia da incidencia da Guerra Civil nunha familia galega. Roberto Vidal Bolaño, autor de obras como Laudamuco, señor de Ningures ou Ladaíñas pola morte do Meco, Francisco Taxes Prego e Xosé Agrelo Hermo.

Descargar

PDF Word HTML