Teatro Galego de 1916 a 1936: Evolución e Autores

Lingua e literatura4,92 KB

O Teatro Galego entre 1916 e 1936

As tendencias teatrais desta etapa son fundamentalmente tres:

  • O teatro costumista-ruralista.
  • O teatro propagandístico levado a cabo polas Irmandades da Fala.
  • O teatro renovador (Dieste e Nós).

O teatro galego partía dunha situación de desvantaxe, pois non contaba con infraestruturas adecuadas, nin tiña público asiduo e formado, polo que os comezos foron difíciles.

Os Inicios

En 1903 inaugúrase na Coruña a Escola Rexional de Declamación. O obxectivo desa Escola era consolidar un grupo de teatro estable que garantise a representación de pezas en galego. O autor máis destacado neste primeiro intento foi Manuel Lugrís con obras como A Ponte (1903), primeiro drama galego en prosa.

O Teatro das Irmandades da Fala

O que caracteriza este período é o intento de sentar as bases para desenvolver un teatro galego. As Irmandades da Fala tiveron especial interese neste xénero debido ás posibilidades que ofrecía de galeguización da sociedade, de aí que procuraran crear canles para o seu fomento (concursos, grupos de teatro, etc.).

As liñas temáticas e formais herdadas do teatro rexionalista precedente de ambiente labrego ou mariñeiro, van ser superadas polo teatro urbano.

Nun intento de renovar a estética teatral, os autores das Irmandades proban novas formas: teatro cómico e infantil, comedia burguesa e mesmo ópera. Fuxindo do ruralismo, introducen novos temas, como a reivindicación social, a recuperación cultural ou a dignificación da lingua e da cultura popular. Recrean episodios singulares da nosa historia co enxalzamento dos nosos mitos (O Mariscal).

Obras e Autores

Ao Conservatorio Nacional de Arte Galega seguiríalle, sempre no contexto da Irmandade da Fala da Coruña, a Escola Dramática Galega, dirixida por Leandro Carré Alvarellos, unha das figuras máis salientables do teatro desta época. O autor máis coñecido destes anos é Xavier Prado "Lameiro". Pero o autor teatral que é obrigatorio mencionar, pola calidade da súa produción, é Armando Cotarelo Valledor, un autor realista, influído polo teatro de Benavente, preocúpase pola psicoloxía dos personaxes e polo ambiente, que determina as súas accións. Entre as súas obras destacan:

  • Trebón: drama rural en prosa.
  • Hostia: traxedia histórica.
  • Mourenza: drama mariñeiro.
O Mariscal (Ramón Cabanillas)

Pezas dramática escrita en verso cunha lingua refinada e aristocrática, o mesmo cós personaxes que nela aparecen. Neste libro retómase o tema de Pardo de Cela e eríxese a súa figura en símbolo da resistencia galega fronte á política centralista do Estado, neste caso representada polos Reis Católicos.

O Teatro na Época Nós

Caracterízase pola escaseza de actores, falta de empresarios e desconsideración social do idioma. En consecuencia, os autores da época Nós achéganse ao teatro esporadicamente e escriben textos máis para seren lidos que para seren representados.

Obras e Autores Destacados

  • El bufón de El-Rei (1928) de Vicente Risco: ambientada na época medieval.
  • A Lagarada de Ramón Otero Pedrayo: traxedia protagonizada por un labrego rico e a cobiza dos que o rodean.
  • A Fiestra Valdeira (1927) de Rafael Dieste: obra teatral máis importante deste período. O tema principal é o desleigamento social-cultural e lingüístico en Galicia. Ten unha estrutura clásica:
    • No primeiro lance ten lugar a presentación dos personaxes: un indiano (outrora mariñeiro), a muller e mais a filla, que se opoñen a que aparezan motivos mariñeiros no cadro, no intento de ocultar a súa humilde orixe perante as novas amizades.
    • No segundo lance, Don Miguel soporta dúas presións: muller e filla queren substituír os motivos mariñeiros por un fondo de xardín fidalgo. Os seus compañeiros, mariñeiros coma el, que no lenzo ven retratada a súa forma de vida, da que se senten orgullosos. Un destes corta cunha navalla o anaco de pintura que reproduce o fondo mariñeiro da fiestra. Sucédese o período da “fiestra baldeira”.
    • No terceiro lance ten lugar o desenlace feliz, de reconciliación co pasado e reivindicación dos valores do pobo mariñeiro, a fiestra cercenada élle restituída ao cadro.
  • Os Vellos Non Deben de Namorarse de Castelao: a peza foi presentada no teatro de Bos Aires por actores galegos. Obra dun autor da xeración Nós. O propio Castelao foi o que dirixiu a representación. Representa unha nova maneira de facer teatro. Trátase dun espectáculo total no que teñen importancia moitos elementos: a palabra, a música, a iluminación, a cor, o baile, etc.

Descargar

PDF Word HTML