Solucións á crise económica: Keynes e o New Deal
Solucións á crise económica
Keynes
Keynes defendeu que a crise non era pasaxeira e que a recuperación non xurdiría espontaneamente se os gobernos non actuaban. Argumentou que o problema da economía era a falta de demanda ante a caída do investimento. Sen demanda, os empresarios non tiñan incentivos para aumentar a produción e, con ela, o emprego. Propoñía que o Estado aumentase o gasto público (obras públicas). O gasto do Estado xeraría déficit público; o Estado gastaba, aumentaba a demanda e non só polo importe dos gastos efectuados, senón nunha proporción maior, porque ese gasto inicial, transformado en salarios e bens, creaba nova demanda noutros sectores (multiplicador keynesiano). O Estado podería incrementar os ingresos por impostos, reducindo o déficit público inicial. Defendeu a mellora das condicións salariais para aumentar a capacidade de adquisición obreira. Por iso, afirmou que o papel dos capitalistas era investir e o dos traballadores, consumir.
New Deal
O intento de recuperación asóciase ás teorías de Keynes e ao que se denomina o New Deal, un plan económico para superar a crise e paliar os seus efectos sociais, posto en práctica polo presidente Franklin D. Roosevelt. Propoñía aumentar a intervención do Estado. As medidas do New Deal trataron de loitar contra o descenso dos prezos (deflación), creando organismos para regular a produción e os prezos. A partir da Lei de Axuste Agrario, creouse a Agricultural Adjustment Administration para tratar de reducir a produción agraria e recuperar os prezos. A Lei Nacional de Recuperación Industrial creou dous órganos oficiais: a National Recovery Administration para fomentar acordos, e a Public Works Administration para promover grandes proxectos de infraestruturas. Dentro deste proxecto xurdiu a Tennessee Valley Authority. Co obxectivo de impedir unha crise especulativa e bancaria, Roosevelt estableceu un ríxido control estatal sobre os bancos para asegurar a súa solidez financeira. Creouse unha Comisión de Valores e Cambios. Implantouse unha política monetaria que devaluou o dólar. Recoñeceuse a liberdade de sindicación e estableceuse un salario mínimo; tamén se creou a Seguridade Social (prestacións básicas e asistencia). Xerouse unha desconfianza empresarial que provocou que os investimentos privados fosen escasos. Roosevelt contribuíu á estabilización da economía. En 1939, co estalido da Segunda Guerra Mundial en Europa, incentivouse o desenvolvemento da industria do armamento.