Os Sofistas e Sócrates: Un Xiro Humanístico na Filosofía

Filosofía e ética4,55 KB

A chegada do xiro humanístico

A mediados do século V prodúcese un desprazamento do interese filosófico da Natureza (physis) ao home (anthropos), o que se coñece como xiro humanístico ou antropolóxico. Esta revolución estará protagonizada por Sócrates e un grupo máis ou menos homoxéneo de pensadores chamados Sofistas, entre os que destacan Protágoras e Gorxias. A importancia ou incidencia destes autores na filosofía platónica é notable, se ben é certo que en diferente medida.

A influencia dos Sofistas e Sócrates en Platón

No caso dos Sofistas, dita incidencia é negativa, adoptando Platón respecto deles unha actitude absolutamente crítica. A filosofía moral e concepción política de Sócrates son absolutamente determinantes no desenvolvemento do pensamento platónico. Para algúns autores, toda a investigación platónica pódese definir como interpretación da personalidade filosófica de Sócrates.

De tódolos xeitos, compre ser cautos e lembrar que a relación entre platonismo e filosofía de Sócrates, isto é, a cuestión, por dicilo así, en torno a onde comeza Platón e onde acaba Sócrates, é aínda hoxe obxecto de controversia entre os estudosos. Isto é así, entre outras cousas, porque ao non ter escrito nunca nada, Sócrates foi sempre un problema para os historiadores da filosofía; canto del sabemos procede dos escritos de Platón, Aristóteles, Xenofón e Aristófanes.

As contribucións de Sócrates segundo Aristóteles

Sexa como sexa, e se damos creto a Aristóteles, dúas cousas se poden atribuír a Sócrates con xustiza: a argumentación indutiva e a definición do universal. Aristóteles está a referirse á práctica socrática de interrogarse polo significado dos termos xerais empregados ao falar. A busca da definición universal e a argumentación indutiva, baseada no diálogo, anticipan a dialéctica platónica ao servizo do coñecemento da Idea.

A moral socrática e a súa influencia en Platón

Polo que se refire á reflexión moral en xeral, pode dicirse que Platón aceptou a identificación socrática da virtude co coñecemento, o que se coñece como intelectualismo moral. Segundo esta concepción, quen se comporta moralmente mal é porque ignora o que é o ben e, polo tanto, non sabe facelo.

Sen embargo, consciente do problema relativo á responsabilidade moral que se deriva do intelectualismo moral socrático, segundo a cal a virtude é unha sabedoría, Platón critica a doutrina de Sócrates, pois hai quen é malo e non lle falta ciencia.

A visión política de Sócrates

Respecto dos asuntos políticos, Sócrates adoptou a mesma actitude. O seu punto de vista intelectualista inclínao a ser crítico coa democracia e defender unha forma de goberno de corte aristocrático. Os paralelismos entre a doutrina política de Sócrates e Platón son evidentes. Segundo Sócrates, o goberno debe ser confiado aos que saben gobernar; é absurdo elixir os gobernantes tanto por sorteo como por votación. Para gobernar é necesario posuír a areté política, é dicir, é necesario coñecer o ben do Estado nos diversos campos (facenda, diplomacia, exército).

O rexeitamento aos Sofistas

Por outra banda, Sócrates compartiu con Platón o seu rexeitamento aos sofistas polo seu utilitarismo, a súa orientación da educación cara o éxito na política e a súa actitude sensualista, subxectivista e relativista. Os sofistas exerceron un escepticismo burlón e disolvente. Negaron a distinción, establecida por Parménides e recollida posteriormente por Platón, entre o que as cousas parecen ser e o que son en realidade; para eles non hai máis realidade que a das aparencias.

Así mesmo, opoñíanse á dicotomía (tamén platónica e de orixe parmenídeo) entre saber indubidable e opinión ilusoria, xa que, segundo eles, todas as nosas opinións están no mesmo plano e todas cambian por efecto da persuasión. De feito, eles adicábanse a ensinar a arte de persuadir para triunfar en política.

A filosofía de Protágoras

A filosofía de Protágoras, o primeiro sofista e o máis importante, constituía unha especie de fundamentación teórica da democracia. Toda ela baseábase na liberdade de expresión, nun gran respecto polas opinións dos demais, na xustiza do proceso democrático e na necesidade de instaurar a persuasión pacífica en vez do uso da forza como base da vida política. Punto de vista este que será criticado por Platón na súa obra Politeia (República).

Descargar

PDF Word HTML