Sociolingüística e Poesía Galega: Unha Análise Histórica
A Sociolingüística e o Estándar Lingüístico Galego
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade e moitas desenvolven ao longo da historia un proceso de creación dunha variedade estándar. O estándar ten como principal finalidade: permitir a intercomunicación entre todos os falantes da comunidade. O estándar debe ser coñecido como propio por todos os falantes.
A normativa é o resultado da fixación dun código da lingua nos seus niveis ortográficos, gramaticais e léxicos. É unha proposta elaborada por lingüistas e sancionada polas institucións. O estándar é a variedade que resulta de poñer en práctica publicamente esa normativa. Á beira dun estándar escrito existe outro oral.
O Proceso de Estandarización do Galego: Etapas Clave
No proceso de estandarización e normativización do galego adoitan distinguirse catro etapas:
- Galego popularizante (1810-1880): Durante o Rexurdimento, o galego recupera o ámbito escrito, descoñecendo a existencia da tradición medieval e tendo a lingua oral como referente. Adoptan a ortografía castelá e abundan os dialectismos, os vulgarismos e os castelanismos. A escrita presenta variabilidade ortográfica, morfolóxica e léxica.
- Galego diferencialista (1880-1936): Sobre todo a partir da fundación das Irmandades da Fala, aparece unha certa intención estandarizadora. Prodúcese o afastamento do castelán, recorrendo aos hiperenxebrismos, arcaísmos e vulgarismos. Búscase un galego supradialectal co portugués como modelo de lingua culta; abundan os lusismos. Nos comezos do século XX vaise producir a primeira proposta de normativa.
- Galego proestándar (1936-1980): Simplifícase a ortografía e corríxense os excesos diferencialistas da etapa anterior.
- Galego normativo ou estándar (1980 ata hoxe): Grazas ás investigacións e estudos universitarios, o coñecemento lingüístico mellora e iso facilita atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores.
A Poesía Galega entre 1936 e 1976
Dende o remate da Guerra Civil ata finais dos anos 40 apenas se publica en lingua galega debido ao clima de represión política e de censura. A situación comeza a cambiar a partir de 1950. No que se refire á poesía, este longo silencio editorial fixo coincidir no tempo a obra de tres xeracións consecutivas: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais. Poetas destas tres xeracións desenvolveron tendencias literarias ás veces coincidentes, e outros do mesmo grupo presentaban características moi dispares entre si.
Tendencias Poéticas Iniciais (Anos 40)
Os poucos libros que van xurdindo na década dos 40 seguen as direccións poéticas de preguerra: paisaxismo, neotrobadorismo e hilozoísmo. Non se trata sempre dunha simple continuación daquel tipo de poesía, xa que, en moitos casos, incorporaba características propias dos novos tempos. É o caso de Álvaro Cunqueiro con Dona do Corpo Delgado, poemario de corte neotrobadoresco, pero que se deixaba influír por unha preocupación existencialista, nostálxica e unha visión do mundo negativa. Outros autores que seguiron esta tendencia foron Álvarez Blázquez e Aquilino Iglesia Alvariño. Este último, xunto con Díaz Castro, inclúense no paisaxismo humanista (ou ruralismo); tamén é observable unha liña clasicista no tratamento da forma.
Innovación e Poesía Social (Anos 60 e 70)
As correntes máis innovadoras introducen dúas direccións: unha poesía angustiada de ton pesimista, como a Escola da Tebra, que marcou o panorama poético galego dos anos 60 e 70. Dentro da primeira tendencia debemos situar a algúns dos integrantes da Promoción de Enlace e aos das Festas Minervais. O neotrobadorismo e o hilozoísmo comezaban a sentirse correntes esgotadas e xorde a reacción fronte a elas. Tamén outros autores da súa xeración se caracterizan por unha lírica surrealista e intimista.
Os que perciben a realidade daqueles anos do franquismo dunha maneira máis frustrante son os máis novos. Manuel María comeza a súa andaina literaria coas obras Muiñeiro de Bretemas e Morrendo a cada intre, ou Méndez Ferrín con Voce na néboa. A publicación de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro marca o comezo dunha etapa de poesía social. Tamén Manuel María comezaría a elevar a súa voz comprometida con Documentos Persoais.
Na década dos 60 nacen os primeiros partidos políticos clandestinos, teñen lugar as primeiras manifestacións e en concreto prodúcese unha explosión nacionalista que se deixa sentir nos máis novos. Esta tendencia social da poesía empeza a estancarse na década dos 70. Demasiado preocupada por transmitir mensaxes de compromiso crítico, abandonara o coidado formal dos poemas. A publicación de Mesteres, Seraogna e Con pólvora e magnolias supón un importantísimo cambio de rumbo da poesía; sen abandonar os temas combativos, dáselle ao poema un tratamento formal máis elaborado. Son frecuentes as referencias de carácter culto a outras culturas e literaturas.