Sistema político da Restauración: Cánovas e a Constitución de 1876

Historia3,37 KB

O sistema político da Restauración

O pronunciamento de Martínez Campos en decembro de 1874, acollido favorablemente polo exército e as forzas políticas conservadoras, significou a restauración da monarquía na persoa de Afonso XII, o único fillo varón de Isabel II. O político clave do momento foi Antonio Cánovas del Castillo, que asumiu a rexencia ata o regreso do rei en xaneiro de 1875.

Un novo sistema político

Os grupos conservadores recibiron con satisfacción a restauración dos Borbóns porque agardaban que a nova monarquía habería de devolver a estabilidade política e poñeríalle fin a todo intento de revolución democrática e social en España. Cánovas non pretendía o regreso aos tempos de Isabel II, senón a vertebración dun novo modelo político que superase algúns dos problemas endémicos do liberalismo precedente: o carácter partidista e excluínte dos moderados durante o reinado isabelino, o intervencionismo dos militares na política e a proliferación de enfrontamentos civís.

Para conseguir o seu propósito, propúxose dous obxectivos:

  • Elaborar unha constitución que vertebrase un sistema político baseado no bipartidismo.
  • Pacificar o país poñéndolle fin á guerra de Cuba e ao conflito carlista.

A primeira medida política de importancia foi a convocatoria de eleccións para unhas Cortes constituíntes, pois a Constitución de 1869 quedara sen efecto logo da proclamación da República. Malia que Cánovas non era partidario do sufraxio universal, dispuxo que as primeiras eleccións do novo réxime se fixesen por ese sistema, aínda que posteriormente se debería volver ao sufraxio censitario.

A Constitución de 1876

A Constitución elaborada en 1876 é unha clara mostra do liberalismo doutrinario, caracterizado polo sufraxio censitario e a soberanía compartida entre as Cortes e o rei. A Constitución consideraba a monarquía como institución superior, incuestionable, permanente e á marxe de calquera decisión política. Constituía un poder moderador que debía exercer como árbitro na vida política e garantir o bo entendemento e a alternancia entre os partidos políticos. Por iso, establecíase a soberanía compartida e concedíanse amplos poderes ao monarca: dereito de veto, nomeamento de ministros e potestade de convocar as Cortes, suspendelas ou disolvelas sen contar co goberno.

As Cortes eran bicamerais e estaban formadas polo Senado e o Congreso dos Deputados. A Constitución non fixaba o tipo de sufraxio, pero unha lei de 1878 estableceu o voto censatario, limitándoo aos maiores contribuíntes. Porén, en 1890, cando estaba no poder o Partido Liberal, aprobouse o sufraxio universal masculino.

A Constitución tamén proclamaba a confesionalidade católica do Estado, aínda que toleraba outras crenzas sempre que non se fixese manifestación pública delas. Como consecuencia disto, restableceuse o orzamento do culto e do clero para financiar a Igrexa. Así mesmo, o novo texto constitucional contaba cunha prolixa declaración de dereitos, pero a súa concreción remitíase a leis ordinarias posteriores que, polo xeral, tenderon a restrinxilos, especialmente os dereitos de imprenta, expresión, asociación e reunión.

Descargar

PDF Word HTML