A Segunda Revolución Industrial e o Movemento Obreiro
A Segunda Revolución Industrial
Entre 1870 e 1914, produciuse a Segunda Revolución Industrial (coñecida como gran capitalismo), caracterizada polo pulo que experimentou o proceso de industrialización debido, principalmente, á unión do sector industrial e do financeiro.
Durante esta segunda etapa do proceso industrial, o aumento da produción viuse favorecido polo desenvolvemento de novas fontes de financiamento, a concentración empresarial, os avances técnicos, as novas fontes de enerxía e as novas ramas industriais.
A consolidación do gran capitalismo afectou a todos os aspectos da vida. As súas repercusións máis destacadas foron o desenvolvemento do consumismo, as crises económicas, a nova organización do traballo e o incremento do comercio internacional.
A expansión da Segunda Revolución Industrial
- O proceso de desenvolvemento industrial continuou nos países europeos que se industrializaran durante o século XIX, durante a Primeira Revolución Industrial e, ademais, estendeuse a outros países: os Estados Unidos e o Xapón.
- España tivo un desenvolvemento industrial lento con respecto aos países máis avanzados. As rexións máis industrializadas eran Cataluña (industria téxtil do algodón e da la) e o País Vasco (industria siderúrxica). A construción da rede ferroviaria cun trazado radial favoreceu especialmente a Madrid.
O imperialismo colonial
- O imperialismo colonial consistiu na conquista e ocupación, a finais do século XIX e principios do XX, de territorios (colonias) por parte dalgúns países desenvolvidos (metrópoles).
- A principal causa que provocou o imperialismo colonial foi o desenvolvemento do gran capitalismo. O aumento da produción obrigou as potencias industriais (Alemaña, o Reino Unido...) a buscar, fóra de Europa, novas zonas de abastecemento (materias primas e fontes de enerxía) e de venda dos seus produtos elaborados.
- Cando unha potencia industrial ocupaba unha colonia facíao segundo tres fases ou etapas: ocupación en forma de conquista, control político e administrativo e organización da economía colonial.
- O imperialismo colonial tivo importantes consecuencias políticas, económicas, demográficas, sociais e culturais que foron diferentes para as colonias e para as metrópoles. Algunhas delas perduran hoxe en día.
A arte da segunda metade do século XIX
Durante a segunda metade do século XIX, a arte reflectiu todos os cambios económicos, técnicos e sociais que se viviron en Europa co desenvolvemento da industrialización.
As novas tendencias arquitectónicas empregaron os materiais que ofrecía a industria (aceiro, formigón...) e crearon unha nova linguaxe; foron, polo tanto, os antecedentes da arquitectura contemporánea.
O realismo foi un movemento cultural (literario e artístico) que se desenvolveu en Europa entre 1850 e 1870. Os seus autores reflectiron nas súas obras a vida cotiá (laboral e familiar) da sociedade, especialmente das clases traballadoras.
O impresionismo foi un estilo principalmente pictórico que se iniciou en Francia, en 1870, e se estendeu por Europa. Era unha arte experimental que intentaba representar a incidencia da luz sobre os obxectos a diferentes horas do día (mañá, tarde...).
A partir de 1890 desenvolveuse o postimpresionismo, que non presenta características comúns porque cada autor tivo o seu propio estilo (Vincent Van Gogh, Toulouse-Lautrec, Edgar Degas, Paul Cézanne).
Unha nova sociedade: a sociedade de clases
A finais do século XIX foise impondo a sociedade de clases, un novo modelo que substituía a sociedade estamental. Agora as diferenzas sociais establecíanse en función da posesión de riqueza e non polo nacemento.
- A sociedade de clases dividíase en tres grandes grupos: clases altas (alta burguesía e nobreza), clases medias (funcionarios, profesións liberais, pequenos comerciantes, artesáns e propietarios rurais) e clases baixas (proletariado e campesiños sen terra).
- Por primeira vez en Europa, durante o século XIX, a poboación urbana aumentou a un ritmo maior ca a poboación rural. A atracción que supuxo a industria impulsou a emigración da xente do campo ás cidades.
As ideoloxías obreiras revolucionarias
- Durante o século XIX, en paralelo ao movemento obreiro, naceron varias ideoloxías revolucionarias, defensoras dos intereses do proletariado, encamiñadas a estableceren un novo modelo de sociedade a través da revolución obreira. As principais foron o socialismo marxista (Marx e Engels) e o anarquismo (Bakunin).
- Na segunda metade do século XIX xurdiron as internacionais obreiras: a Primeira Internacional ou Asociación Internacional de Traballadores (AIT), en 1864, e a Segunda Internacional en 1889, cando os líderes obreiros de distintos países europeos, conscientes de que os problemas que afectaban ao proletariado eran os mesmos en todas as nacións, expuxeron a necesidade de asociarse para que as súas reivindicacións tivesen máis forza.
Os inicios do movemento obreiro
A medida que se consolidaba o capitalismo industrial, aumentaban as diferenzas entre a alta burguesía empresarial e o proletariado.
- As difíciles condicións laborais e de vida que soportaban os obreiros provocaron protestas contra os empresarios. Estes opuxéronse ás reivindicacións dos traballadores porque os prexudicaban.
- As primeiras organizacións e iniciativas do movemento obreiro déronse no Reino Unido e foron estas: o ludismo ou antimaquinismo, as trade unions (sindicatos) e o cartismo.
- Na primeira metade do século XIX xurdiron as primeiras teorías que criticaban as desigualdades da sociedade capitalista.
O movemento obreiro en España
- En España, o movemento obreiro seguiu unha evolución semellante ao resto de Europa, posto que os obreiros españois tiñan os mesmos problemas que os europeos (salarios baixos, vivendas insalubres...).
- O socialismo marxista organizou un partido político, o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), en 1879, e o sindicato Unión Xeral de Traballadores (UXT), en 1888.
- Os anarquistas crearon diversos sindicatos e utilizaron tamén a violencia (acción directa) para enfrontarse aos empresarios e ao Estado. En 1910 crearon un gran sindicato, a Confederación Nacional do Traballo (CNT).