A Segunda República Española: da Reforma á Guerra Civil (1933-1936)
Os sectores sociais opostos ao reformismo progresista, unha vez que optaron pola vía democrática para paralizar as reformas en curso e reformar a Constitución “laica e socializante”, como recolle o programa da candidatura antimarxista por Madrid publicada en outubro de 1933 polo xornal dereitista ABC (Doc.3), presentáronse unidos nunha coalición electoral de dereitas. O triunfo da dereita nas eleccións de novembro de 1933 (Doc.1), abriu paso ao bienio de centro-dereita (1933-1935).
O goberno radical (1933-1934) paralizou as reformas agraria e laboral; deixou sen executar as leis que afectaban ás relacións coa Igrexa; demorou o proceso autonómico, que afectou aos estatutos galego e vasco; e decretou unha ampla amnistía aos militares que participaron no golpe de estado de 1932. A incorporación da CEDA ao goberno en outubro de 1934 forzou a radicalización dos socialistas (PSOE e UGT), opostos ao “fascismo” da CEDA e partidarios dunha república federal socialista, que promoveron unha insurrección revolucionaria que só tivo éxito en Asturias, onde estableceran unha alianza obreira cos comunistas e os anarquistas.
Acosados polos escándalos, Alcalá Zamora disolveu as Cortes e convocou novas eleccións en febreiro de 1936. Nesa ocasión, fronte á desunión da dereita, a esquerda presentouse unida nunha Fronte Popular na que os partidos integrantes (PSO, PCE, Partido Galeguista…) acordaran en xaneiro de 1936 un programa (Doc.4): a concesión dunha amnistía para os presos políticos; a recuperación da política reformista, derrogando as disposicións do goberno radical-cedista que serviran para frear as reformas, como a lei de arrendamentos; e a reactivación, “co ritmo dos primeiros anos da República, da creación de escolas de primeiro ensino”. Tras o triunfo da Fronte Popular o 16 de febreiro do 36 (Doc.1), formouse un goberno de republicanos de esquerda debido a que o PSOE declinara participar no goberno, que, ante a mobilización campesiña e obreira nun momento de crise económica, retomou a reforma agraria e a lexislación laboral e social progresista. Precisamente por esa razón, os sectores máis reaccionarios da sociedade favoreceron a crispación social arredor da cuestión relixiosa e a actuación de grupos paramilitares que provocaron unha escalada de violencia urbana na que tamén participaron elementos da extrema esquerda.
Neste ambiente de crispación e co obxecto de frear esa nova xeira reformista e progresista, os sectores opostos á República promoveron un golpe de Estado, denunciado nas Cortes polo secretario xeral do partido Comunista, José Díaz, o 15 de xullo de 1936. No seu discurso, Díaz sinalaba como unha das razóns para o golpe o feito de que a dereita “non quería acatar o que representaba o triunfo do 16 de febreiro”, que abría as portas a unha “España democrática, na que houbese benestar para os obreiros e as clases populares” (Doc.5). Ese golpe produciuse o 18 de xullo de 1936, só uns meses despois do triunfo da Fronte Popular. A sublevación militar deu paso a unha guerra civil que logo de tres anos de enfrontamentos armados e de represión puxo fin ao lexítimo goberno republicano.