A Segunda República Española: Períodos e Conflitos Clave (1931-1936)

Historia14,45 KB

A Segunda República Española: Período Constituínte e Bienio Reformista

Eleccións Municipais de 1931 e Proclamación da República

Os resultados das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, convocadas polo Goberno do almirante Aznar, adquiriron un carácter plebiscitario, de apoio ou rexeitamento á monarquía. Aínda que na maioría dos municipios rurais, dominados por caciques, se impuxeron as candidaturas monárquicas, nas capitais de provincia e principais núcleos urbanos triunfou a conxunción republicano-socialista, partidaria da instauración dun réxime republicano. En Eibar, o 14 de abril de 1931, os concelleiros gañadores proclamaron a República e cambiaron a praza Alfonso XVII pola da República. O novo presidente, Niceto Alcalá Mora, proclamou oficialmente a Segunda República Española.

Madrid e Barcelona multiplicaran a súa poboación no que ía de século; en cambio, máis da metade da poboación continuaba vivindo e traballando no campo, onde a pobreza alcanzaba límites extremos. Isto sucedía, sobre todo, na metade sur do país, onde un puñado de propietarios posuía a case totalidade das terras, o traballo era escaso e estaba mal pagado.

Desafíos Iniciais: Educación e Reforma do Exército

Un dos primeiros problemas que abordou o goberno provisional foi o da ensinanza primaria. A escaseza de escolas e mestres era tal que, de cada 100 españois, 44 non sabían ler nin escribir. O Ministerio de Instrución Pública aumentou o orzamento de educación un 50% para poder abrir cada ano 5.000 escolas. O obxectivo esencial era o de poñer en pé un sistema de educación pública totalmente laica, capaz de sacar o país do atraso que padecía.

A reforma do Exército foi outro dos asuntos que o goberno abordou de maneira inmediata. Manuel Azaña, ministro de Guerra, buscou a modernización do Exército e, sobre todo, unha renovación política dos mandos militares, que, aínda que non se opuxeron á imposición da República, recibírona con evidente receo. Azaña recorreu ás xubilacións anticipadas para reducir a desproporcionada cantidade de oficiais; limitou o ámbito da xurisdición militar en beneficio da civil; revisou os ascensos da Guerra de Marrocos e pechou tres das cinco academias militares. As medidas de Azaña foron mal recibidas por un sector do Exército, que se afastou así da República.

A Constitución de 1931 e as Súas Reformas Clave

A vida da República transcorreu a toda présa. O Goberno convocou para o mes de xuño eleccións a Cortes Constituíntes. O país encheuse de mítins aos que os españois acudiron en masa. Presentáronse partidos de todas as tendencias, desde monárquicos a comunistas. Os partidos da coalición republicano-socialista que formaran o goberno provisional saíron vencedores. O máis votado foi o Partido Socialista, seguido polo Partido Radical, agora centrista, de Alejandro Lerroux. A dereita quedou reducida a unha minoría.

En decembro de 1931, as Cortes aprobaron sen consenso a Constitución da República. O novo texto constitucional estableceu a democracia parlamentaria, introduciu o modelo autonómico para intentar resolver o problema rexional, e estableceu a separación da Igrexa e o Estado. Ademais, recoñeceu o dereito de voto para as mulleres e incluíu o recoñecemento de importantes dereitos sociais para as clases traballadoras.

Relacións Igrexa-Estado e Dereitos Sociais

As relacións da República coa Igrexa tensáronse aínda máis coa separación Igrexa-Estado, que a nova Constitución oficializou. A Igrexa perdeu todos os privilexios que ata entón tiña coa súa relación co Estado. A nova legalidade acabou coa remuneración ao clero e estableceu o matrimonio civil e o divorcio; prohibiu ás ordes relixiosas dedicarse á ensinanza; eliminou os símbolos relixiosos de todas as institucións públicas; e disolveu a Compañía de Xesús. Moitos xesuítas marcharon ao exilio.

O Goberno Socialista e as Medidas Laborais

Os socialistas, con tres ministros, entraron no goberno por primeira vez na súa historia. Un deles, Largo Caballero, cunha longa traxectoria sindical, ocupou a carteira de Traballo e adoptou unha serie de medidas destinadas a favorecer aos traballadores: subida de soldos, xornada laboral de oito horas para os xornaleiros, vacacións pagadas, establecemento dun salario mínimo, seguridade social e seguro de enfermidade obrigatorio.

O Golpe de Sanjurjo e as Reformas Pendentes

En agosto de 1932, o xeneral Sanjurjo encabezou desde Sevilla o primeiro intento de golpe militar contra a República. Contaba co apoio dun grupo de monárquicos e dun reducido número de mandos militares. A sublevación foi facilmente neutralizada polo goberno. O xeneral Sanjurjo, detido e condenado á morte, foi finalmente indultado. Tras beneficiarse dunha amnistía, exiliouse en Lisboa e desde alí esperaría unha mellor ocasión para volver intentalo.

A Reforma Agraria e a Crise Campesiña

O éxito do goberno fronte aos golpistas serviulle a Azaña para sacar adiante dous proxectos: o Estatuto Catalán e a Reforma Agraria. Nese momento, había en España case dous millóns de campesiños sen terra, xornaleiros eventuais que pasaban gran parte do ano en paro e que malvivían con míseros xornais. O obxectivo da Reforma Agraria foi que os xornaleiros sen terra acabasen por converterse en propietarios. Con ese propósito, o goberno puxo en marcha unha política de expropiacións con diñeiro público dos latifundios mal explotados.

A lentitude na aplicación da Reforma Agraria, causada sobre todo pola falta de recursos económicos, acabou coa paciencia dos campesiños. As ocupacións de fincas e os levantamentos anarquistas multiplicáronse. En xaneiro de 1933, a FAI fixo un chamamento á insurrección xeral. Como noutros lugares, en Casas Viejas, un pobo da provincia de Cádiz, un grupo de xornaleiros anarquistas declarou o comunismo libertario e subleváronse. O sucedido en Casas Viejas supuxo un golpe político para o gabinete de Azaña, que acabaría dimitindo en setembro de 1933. Convocáronse novas eleccións para novembro.

O Bienio Conservador: Xiro á Dereita e Conflitos

Eleccións de 1933 e o Ascenso da CEDA

Foi a primeira vez que as mulleres puideron votar en España nunhas eleccións xerais. Estas, ademais, incluíron outra novidade: por primeira vez, as dereitas presentáronse unidas nunha coalición de partidos chamada CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas), con José María Gil Robles como líder. Os seus principios eran: a relixión, a familia, a orde e a prosperidade.

O resultado das eleccións de novembro de 1933 deulle a volta á situación: a dereita triunfou, aínda que non alcanzou a maioría. O Partido Radical de Lerroux fortaleceuse. Os republicanos de esquerdas sufriron un batacazo, e os socialistas perderon a metade dos escanos que lograran nos comicios de 1931. O encargado polo presidente da República para formar goberno sería o centrista Alejandro Lerroux.

Contexto Internacional e Radicalización Política

O ano 1933 rematou con medio millón de parados. Con este importante aumento do desemprego, España empezou a padecer os efectos da crise económica internacional iniciada no ano 1929. Países puxantes como Inglaterra ou Alemaña derrubáronse economicamente. Como consecuencia do paro e a conseguinte pobreza, produciuse un claro retroceso do liberalismo en beneficio de partidos, tanto de esquerdas coma de dereitas, de signo totalitario e contrarios aos sistemas parlamentarios.

En Alemaña, a democracia foi aniquilada tras gañar as eleccións; o nazi Adolf Hitler fíxose co poder absoluto e impuxo un estado totalitario. En Italia, o fascismo de Mussolini viuse radicalmente reforzado polo auxe do nazismo en Alemaña. En España, José Antonio Primo de Rivera, fillo do ditador, fundou en 1933 un partido de corte fascista, a Falanxe Española.

O goberno centrista de Alejandro Lerroux, que gobernaba co apoio parlamentario da CEDA, imprimiu un xiro máis conservador á República e revisou gran parte das reformas dos gobernos de Azaña. Na oposición, os socialistas, desencantados polo alto prezo pagado pola súa participación no goberno, que os levou á derrota electoral, radicalizáronse. Os chamados bolxeviques fixéronse co control, tanto do partido coma do sindicato. Encabezados por Largo Caballero, comezaron a preparar, pouco despois das eleccións, unha folga xeral revolucionaria como paso previo para implantar en España un estado socialista. Ameazaron con levar a cabo o seu plan revolucionario se a CEDA entraba no goberno. Os socialistas identificaban aos cedistas coa ameaza fascista que se estendía por Europa.

A Revolución de Outubro de 1934 en Asturias e Cataluña

Asturias, 5 de outubro de 1934: a insurrección obreira que os socialistas estiveran preparando púxose en marcha na conca mineira. A véspera, o xefe de goberno anunciara a entrada no gabinete de tres ministros da CEDA. Os revolucionarios asturianos asaltaron os cuarteis da Garda Civil, do Exército e das fábricas de armas. Despois de facerse coa conca mineira, tomaron Oviedo. Asturias foi o único lugar onde as esquerdas, incluídos os anarquistas e os comunistas, se uniran para unha sublevación que, alí, triunfara de momento.

6 de outubro: Lluís Companys, o novo presidente da Generalitat, rompeu co goberno central e proclamou o Estado Catalán dentro da República Federal Española. A insurrección catalá, que non contou co respaldo dos anarquistas, foi aplastada, despois de dez horas de loita, polo Exército. O goberno republicano suspendeu temporalmente o estatuto e encarcerou o seu presidente. A insurrección fracasou no resto de España, incluída a capital. Sen embargo, a chama revolucionaria seguiu acesa en Asturias.

O goberno da República declarou o Estado de Guerra e encargou ao xeneral Franco a dirección das operacións contra os sublevados. Os enfrontamentos duraron case dúas semanas e alcanzaron a dimensión dunha guerra civil. O Exército acabou por sufocar a Revolución de Outubro, que deixou tras de si un balance tráxico. Cerca de 30.000 persoas foron encarceradas, entre elas os dirixentes do PSOE e da UGT. A represión que seguiu á derrota dos revolucionarios enconou aínda máis os ánimos.

A Revolución de Asturias é o preludio da Guerra Civil Española. 2.000 persoas chegadas de toda España dirixíronse, en outubro de 1935, cara ao Campo de Comillas en Madrid, onde Manuel Azaña daría un míting. Pasou un ano desde a Revolución de Outubro e os partidos de esquerdas comezaron a recuperarse. Azaña pediu o entendemento entre todos eles para rescatar a República das mans da dereita. A súa proposta acabaría na Fronte Popular, unha coalición de partidos que incluía desde a esquerda republicana ata os comunistas, pasando polos socialistas.

O goberno da coalición de centro-dereita caeu e convocáronse eleccións para febreiro de 1936. Era a oportunidade que esperaba a Fronte Popular. A súa campaña popular apoiábase na súa petición de amnistía para os presos de outubro e o restablecemento das reformas de Azaña. O interese que espertou nos españois nestas eleccións viuse reflectido no alto índice de participación. Incluso os anarquistas acudiron a votar.

A Fronte Popular: Vitoria Electoral e Golpe Militar

Recomposición da Esquerda e Eleccións de 1936

A Fronte Popular gañou as eleccións cun 47% dos votos, a dereita obtivo un 45% e o centro un 5%, polo que practicamente desapareceu. O mapa político quedou así debuxado en dous grandes bloques enfrontados, un á dereita e outro á esquerda. Os simpatizantes da Fronte Popular saíron á rúa para celebrar a vitoria e comezaron a circular rumores sobre unha sublevación militar. Manuel Azaña volveu facerse cargo do goberno, formado unicamente por republicanos. Os socialistas decidiron quedarse á marxe nesta ocasión.

Goberno da Fronte Popular e a Conspiración Militar

O novo goberno aprobou inmediatamente unha amnistía para os presos políticos e, acto seguido, restableceu a Generalitat de Cataluña. O presidente catalán, Companys, que grazas á amnistía conseguiu saír do cárcere, foi aclamado na súa triunfal chegada a Barcelona. Para acabar cos insistentes rumores que falaban dun inminente golpe de Estado, Azaña aplicou unha política de traslado forzoso aos xenerais que estaban en condicións de encabezar un levantamento. O xeneral Franco foi mandado a Canarias, o xeneral Guter a Baleares e o xeneral Mola a Pamplona. O que non sabía Azaña é que Mola, en contacto co xeneral Sanjurjo, que continúa no exilio, puxera xa en marcha a conspiración militar no mesmo momento no que o triunfo da Fronte Popular se fixera público. Desde o seu novo destino en Pamplona, Mola proseguiría os seus contactos para traer a outros militares á causa golpista.

Tres meses despois das eleccións, Azaña foi elixido presidente da República. A partir das eleccións, a radicalización dos partidos foi cada vez máis clara. As organizacións xuvenís dos partidos, que non deixaban de crecer, militarizáronse. O 1 de maio de 1936, os socialistas organizaron unha manifestación en defensa da unidade do proletariado. Participaron as Xuventudes Socialistas, que acababan de fusionarse coas comunistas. A Falanxe Española, dirixida por José Antonio Primo de Rivera, que apenas conseguira 50.000 votos nas eleccións, creceu como a escuma. As xuventudes da CEDA pasáronse en masa ao partido fascista.

Escalada da Violencia e Estoupido da Guerra Civil

Na primavera de 1936, o clima de violencia era xeral en toda España. Na dereita e na esquerda, as xuventudes dos partidos só crían nas armas para solventar as súas diferenzas políticas. A rebelión militar que o xeneral Mola levaba meses preparando estourou o 17 de xullo en Melilla. O 18 de xullo, o xeneral Franco sublevouse en Canarias á fronte da súa guarnición. Tras deixar o control de Las Palmas en mans dos insurrectos, voou cara a Tetuán no Dragon Rapide para poñerse ao mando das tropas de Marrocos. Franco foi un dos últimos xenerais en sumarse ao golpe.

Na península, a primeira cidade en caer en mans dos sublevados foi Sevilla; logo foron caendo, unha tras a outra, as provincias andaluzas. A noticia do éxito da sublevación en varias provincias chegou a Madrid a tarde do 18 de xullo. A alarma instalouse na poboación; os sindicatos obreiros esixiron ao goberno o reparto de armas, e este acabou cedendo.

Descargar

PDF Word HTML