A Segunda República Española: Orixe, Goberno e Reformas Clave
Orixe e Contexto da Segunda República Española
A instauración da II República prodúcese nun contexto internacional marcado pola crise económica (Crac do 29) e dos sistemas parlamentarios liberais (triunfo dos fascismos), como consecuencia da falta de apoios do rei Afonso XIII, quen apoiara a ditadura de Primo de Rivera, e da forza dos sectores republicanos e socialistas, unidos polo Pacto de San Sebastián (1930) a prol da República, que triunfaron nas rexións urbanas nas eleccións municipais de abril de 1931.
Proclamación e Goberno Provisional (1931)
A proclamación da II República o 14 de abril de 1931 supuxo a formación dun goberno provisional no que estaban representados todos os partidos políticos republicanos, fosen de dereita, centro ou esquerda ou autonomistas, como a ORGA, e o Partido Socialista. O novo goberno republicano, do que quedaran excluídos os monárquicos, os comunistas e os anarquistas, puxo en marcha unha serie de reformas en diversos ámbitos.
Principais Reformas do Goberno Republicano-Socialista (1931-1933)
Neste sentido, de entre as principais medidas que afrontou o goberno republicano-socialista (1931-1933), ás que se refire o presidente do goberno Manuel Azaña no seu discurso do 13 de outubro de 1931 durante o debate constitucional (Doc. 1), cómpre salientar as seguintes:
O Laicismo e a Separación Igrexa-Estado
A implantación do laicismo, que implicaba a separación neta entre a Igrexa e o Estado, que logo sería recollida no texto constitucional baixo a forma «o Estado español non ten relixión oficial», sendo esa unha cuestión que Azaña resumía no antedito discurso co lema «España deixou de ser católica»; así mesmo, o laicismo do Estado supuxo a adopción dunha serie de leis e disposicións relativas ao matrimonio e ao divorcio, os bens da Igrexa, o peche dos centros educativos nas mans de institucións relixiosas… que chocaron frontalmente coa Igrexa e cos sectores católicos, que atoparon na defensa do catolicismo e do sometemento do Estado á Igrexa un motivo para o enfrontamento permanente.
A Reforma Agraria e os seus Impactos
A reforma agraria, que tiña por obxectivo principal mellorar as condicións de vida da poboación campesiña do sur peninsular que soportaba situacións de miseria e desemprego, malia que era un dos proxectos emblemáticos do goberno republicano tardou máis dun ano en tomar corpo de lei mediante a Lei de Bases da Reforma Agraria. De entre os seus aspectos, relativos aos mecanismos de aplicación da lei, ás indemnizacións ou ao orzamento da lei, cómpre salientar, pola súa transcendencia, os recollidos na Base 5ª (Doc. 2), relativos a aquelas terras susceptibles de ser expropiadas: as terras non explotadas directamente polos seus propietarios, aquelas que foran compradas con fins especulativos, as manifestamente mal cultivadas… Nese sentido, en tanto que os principais afectados pola reforma eran os terratenentes, provocou a súa oposición; pola súa parte, para os anarquistas a reforma era demasiado conservadora, polo que tamén provocou o seu rexeitamento.
Organización Territorial e Autonomías
A organización territorial do Estado, que enlazaba directamente coas aspiracións dos nacionalismos periféricos, foi unha das primeiras cuestións ás que se enfrontou a República, sobre todo en tanto que o mesmo día en que se proclamaba a República Española en Madrid, Francesc Macià de Esquerra Republicana de Catalunya proclamaba desde o balcón da Generalitat de Cataluña a República Catalá como estado integrado na Federación Ibérica. Neste sentido, o novo estado republicano recoñeceu axiña o dereito das nacións periféricas e das rexións á autonomía, que quedou recollido na Constitución, na que se definía a España como un estado integral, compatible coa autonomía de concellos e rexións. Daquela, unha vez recoñecido o dereito á autonomía, Cataluña foi a primeira comunidade que alcanzou ese dereito mediante a aprobación do Estatuto de Autonomía de 1932 (Doc. 3), no que, entre outras medidas, se confería á Generalitat a representación de Cataluña, se establecía a cooficialidade do catalán e o castelán ou se lle recoñecían competencias como a de lexislar en materia civil. Este proceso foi extensible a outras comunidades, como a do País Vasco ou de Galicia, o que provocou un profundo rexeitamento entre os defensores da «unidade de España», para quen ese proceso era un síntoma da desintegración de España nas mans dos separatistas.
Así