A Segunda Guerra Mundial: Desenvolvemento e Impacto

Historia4,95 KB

A Segunda Guerra Mundial: Causas e Consecuencias

Entre 1939 e 1945 tivo lugar a maior das guerras de todos os tempos, polo número de vítimas, o volume das destrucións e a amplitude de territorios que se viron afectados.

O camiño cara á guerra

Debido ás dificultades económicas e ao desenvolvemento político que estas provocaron, na década de 1930 producíronse:

  • O fracaso da Sociedade de Nacións, que foi incapaz de evitar os enfrontamentos, xa que carecía de medios eficaces de sanción.
  • A expansión territorial dos estados fascistas:
    • Entre 1935 e 1939 a tensión aumentou.
    • Alemaña dispoñía dun poderoso exército e reclamaba a unión das terras habitadas polos alemáns; conseguiu Austria e parte de Checoslovaquia (1938-39).
    • Italia conquistou Abisinia, e Mussolini colaborou con Hitler na Guerra Civil Española.
    • Xapón reiniciou a guerra contra China (1937) para ampliar os seus dominios.
    • Entre eles fóronse reforzando ata crear o Eixe Berlín-Roma-Toquio.
  • O inicio da guerra:
    • En agosto de 1939 Hitler asinou un tratado coa URSS de Stalin para repartirse os territorios do leste de Europa.
    • En setembro dese mesmo ano ordenou a invasión de Polonia; Francia e Gran Bretaña declararon a guerra a Alemaña.

Fases da guerra

  • Os triunfos do Eixe (1939-40):
    • Alemaña, Italia e Xapón conseguiron sucesivas vitorias.
    • Alemaña conseguiu Polonia, Dinamarca, Noruega, Holanda, Bélxica e gran parte de Francia.
    • En colaboración cos italianos, conquistaron Albania, Grecia, Iugoslavia e o norte de África.
    • A URSS ocupou, polo pacto con Alemaña, o leste de Polonia, Estonia, Letonia, Lituania, Bucovina e Besarabia.
    • Só Gran Bretaña resistía.
    • Xapón avanzou en China.
  • Extensión da guerra e a entrada da URSS e EEUU (1941-42):
    • En 1941 Hitler rompeu o acordo con Stalin e invadiu a URSS, pero a gran resistencia rusa atrasou o ataque alemán.
    • Xapón avanzou por Filipinas, Malaisia e Indonesia.
    • EEUU, Gran Bretaña, a URSS e China formaron o bando dos Aliados contra as potencias do Eixe.
  • O cambio de signo e a contraofensiva aliada (1942-43):
    • Os Aliados conseguiron conter o avance inimigo en todas as frontes.
    • Os norteamericanos derrotaron as tropas do Eixe no norte de África, conquistaron Sicilia e o sur de Italia, provocando a caída de Mussolini.
    • Os alemáns retrocederon nas chairas rusas.
  • A vitoria dos Aliados (1944-45):
    • O 30 de abril Hitler suicidouse.
    • O 4 de maio Alemaña capitulou e rematou a guerra en Europa.
    • EEUU recuperou Filipinas.
    • O 6 de agosto de 1945 lanzou unha bomba atómica sobre Hiroshima e días despois outra sobre Nagasaki.
    • O 2 de setembro Xapón asinou a rendición.

As novas formas da guerra

Como novidades destacaron:

  • Novas armas e estratexias de combate cun crecente papel das máquinas. Destacaron os vehículos, sobre todo os aéreos, que permitiron o bombardeo masivo das cidades.
  • Nos países ocupados xurdiron grupos de resistencia e de partisanos que realizaron accións de sabotaxe e espionaxe en favor dos Aliados.
  • Os campos de concentración, de traballos forzados e exterminio:
    • Tanto alemáns como xaponeses crearon numerosos campos de concentración, onde encerraron a poboación civil e soldados capturados.
    • Non se encerraba as persoas polos seus actos, senón polo grupo ao que pertencían.

A organización da paz e a fundación da ONU

En 1945, na conferencia de Ialta e na de Potsdam, tomáronse os principais acordos:

  • Imposición aos vencidos:
    • Alemaña sería dividida en catro zonas administradas por EEUU, Francia, Gran Bretaña e a URSS. O mesmo sucedería con Austria.
    • Eliminación do nazismo e o fascismo, sendo os seus dirixentes xulgados e condenados.
    • Establecemento de sistemas democráticos.
    • En Xapón mantívose a figura do emperador, pero supervisado polos norteamericanos.
  • Modificacións territoriais:
    • Reduciuse o tamaño de Alemaña, perdendo algúns territorios que pasaron a Polonia.
    • A URSS mantivo Estonia, Letonia e Lituania.
  • Fundación da ONU:
    • En 1945 os Aliados formaron a Organización das Nacións Unidas coa finalidade de manter a paz e a seguridade internacionais e axudar a solucionar os problemas internacionais de carácter económico, social, cultural ou humanitario.
    • Os seus principais organismos son: a Asemblea Xeral, con sede en Nova York, na que están representados todos os estados membros; o Consello de Seguridade, encargado de manter a paz internacional; a Secretaría Xeral, que leva a representación da ONU; e o Tribunal Internacional de Xustiza, encargado de xulgar os conflitos entre os países membros.

Descargar

PDF Word HTML