Séculos Escuros: Decadencia e Castelanización do Galego

Lingua e literatura2,56 KB

Os Séculos Escuros da Lingua Galega

Despois do esplendor medieval e tras a separación de Portugal, a lingua galega viviu durante tres séculos unha etapa de depresión e forte marxinación social. Mentres o portugués, o castelán e outras linguas románicas normalizaban os seus usos fronte ao latín, elaborando as primeiras gramáticas, dicionarios, manuais ortográficos e desenvolvendo ricas e variadas literaturas, acadando o uso de idiomas nacionais nos seus respectivos territorios, o galego quedou relegado aos usos orais e familiares, sen participar na escrita nin na vida pública e social.

Esta situación veu dada porque, a partir da segunda metade do século XIV, as guerras de sucesión (primeiro entre Pedro I e o seu irmán Henrique de Trastámara; despois, no século XV, entre Xoana a Beltranexa e Isabel a Católica) fixeron que pouco a pouco a nobreza autóctona galega fose substituída por nobreza vinda de fóra, que naturalmente era monolingüe en castelán. O castelán converteuse a partir de entón en lingua de prestixio. Nobres, funcionarios, notarios, xuíces e altos cargos da Igrexa empregábana nas súas relacións coas capas populares da sociedade galega.

Axentes da Castelanización Lingüística

Os principais axentes que favoreceron esta castelanización lingüística foron:

  • A Igrexa: o galego quedou fóra das prácticas relixiosas habituais, que utilizaron sistematicamente o castelán e o latín. Ademais, os altos cargos da xerarquía eclesiástica foron ocupados por persoas maioritariamente non galegas. Era a depositaria da cultura e da educación das clases instruídas, sendo este un dos factores desgaleguizadores máis importantes de todos os tempos.
  • A administración e xustiza: os documentos públicos e privados que durante os séculos XIV e XV se escribiran utilizando case de maneira exclusiva o galego víronse afectados pola nova ordenación social e pasaron a escribirse en castelán.
  • A aparición de escolas públicas: contribuíron igualmente a prestixiar o castelán.
  • A universidade: a primeira universidade galega foi a de Santiago e ignorou dende a súa fundación (finais do século XV) a lingua galega. O latín ou o castelán eran as linguas empregadas.
  • A chegada da imprenta a Galicia no século XV, pouco despois da súa invención: o galego, ao non ter a consideración de lingua de cultura, non se beneficiou do enorme pulo difusor que este enxeño proporcionou ás linguas romances.

Descargar

PDF Word HTML