Ríos e Paisaxe Vexetal de Galicia

Xeografía2,5 KB

Mentres que os ríos que desembocan no Golfo Ártabro e na área de Fisterra manteñen uns caracteres intermedios (Grande de Xubia, Eume, Mandeo, Mero, Anllóns, Grande, Castro e Xallas), o Miño e o seu principal afluente, o Sil, merecen unha mención aparte. Isto débese tanto por constituírse nunha longa arteria fluvial (que cruza de Norte a Sur a maior parte da provincia de Lugo e boa parte das de Ourense e Pontevedra), como pola amplitude da súa cunca e a diversidade de áreas climáticas que atravesan, o que lles outorga unha variabilidade no seu comportamento hídrico que os individualiza respecto aos demais de Galicia.

Rexións Florísticas e Manto Vexetal

As condicións térmicas e pluviométricas son óptimas para o desenvolvemento do manto vexetal. A maior parte de Galicia inclúese na rexión florística Eurosiberiana, na superprovincia Atlántica. Só o extremo suroriental da provincia de Lugo e boa parte da de Ourense pertencen á rexión florística mediterránea.

Especies e Comunidades Climácicas

Na primeira destas rexións, a vexetación climácica son bosques mixtos caducifolios, con dominio de carballos, agás nos Ancares e no Courel, onde dominan os cerquiños, acompañados de sobreiras na Galicia occidental, e do carballo peciolado no Norte e Nordeste. Estes vense acompañados, en xeral, por:

  • Abeleiras
  • Ameneiros
  • Olmos
  • Freixos
  • Arces
  • Bidueiros
  • Faias

Na rexión mediterránea, as comunidades climácicas son tamén bosques, neste caso de cerquiños, agás na cunca do Sil, onde son substituídos por aciñeiras. Os bosques de cultivo tamén adquiriron notable importancia dende épocas remotas, como é o caso dos soutos de castiñeiros.

Impacto Antrópico e Especies Foráneas

Máis recentemente introduciuse o eucalipto, orixinario de Australia, que comezou a cultivarse a partir de mediados do século XIX, malia os problemas medioambientais que xera. A paisaxe vexetal actual é resultado da acción antrópica, pois a vexetación climácica de frondosas caducifolias está moi deteriorada e en franco retroceso. Na actualidade predominan as especies arbóreas foráneas, así como o mato de substitución do bosque orixinario, fundamentalmente:

  • Toxos
  • Piornos
  • Breixos

Descargar

PDF Word HTML