O Rexurdimento galego: Rosalía, política e cultura
O Rexurdimento: introdución
O Rexurdimento, entendido como o renacer literario galego, experimenta un salto cualitativo en 1863 coa publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Non se trata dun fenómeno exclusivamente cultural; os seus escritores eran conscientes do proceso que protagonizaban. Con obras fundamentalmente de pulo patriótico, marcadas polo que acontecía neses momentos en Galicia, asumirán a súa defensa e irán na procura dunha orde social máis xusta. Esta actitude adquire con Rosalía especial relevo.
Contexto político e social
En 1868, os grupos políticos marxinais dan un golpe de Estado coa finalidade de superar a crise económica. Apróbase a Constitución de 1869 e establécese unha monarquía democrática con Amadeo I de Savoia. Tras a súa abdicación, proclámase a Primeira República. Estes acontecementos supuxeron un cambio radical na dinámica política de toda España. De novo, un golpe militar en 1874 provoca a formación dun goberno conservador e a restauración da monarquía borbónica con Afonso XII. A Restauración fora un pacto entre a alta burguesía e a oligarquía rendista para asegurar o triunfo do partido que conviñese en cada momento. O campesiñado non tiña saída debido aos impostos, e ou ben emigraba ou ben dependía dun cacique que, á súa vez, controlaba os votos.
As críticas ao sistema derivarían no nacemento do Rexionalismo, no que coexisten tres tendencias ideolóxicas:
- Federalista
- Tradicionalista
- Liberal
Estas tendencias comungaban na idea de que Galicia é unha rexión ou nacionalidade con dereito a unha autonomía política e á rexeneración dos seus trazos propios. A figura de Manuel Murguía, como construtor teórico do concepto de Galicia como entidade nacional, traerá consigo as primeiras organizacións políticas xa exclusivamente galegas.
Contexto cultural
O incremento da produción literaria en galego, máis notable durante a Restauración, viuse estimulado polo nacemento das primeiras gramáticas e a recuperación dunha prensa propia. Apareceron, ademais, as primeiras editoriais galeguistas. Neste contexto consolídanse as tres grandes figuras do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal.