O Réxime Feudal e a Sociedade Estamental na Idade Media
O Réxime Feudal e a Sociedade Estamental
Os reinos cristiáns da península Ibérica durante a Idade Media, igual que no resto de Europa, estaban organizados baixo o feudalismo.
A Sociedade Feudal: A sociedade cristiá medieval foi unha sociedade feudal e estamental na que os individuos estaban ordenados en grupos. Nesta sociedade predominaban os lazos de dependencia persoal fronte aos vínculos de carácter público: uns grupos posuían privilexios e vantaxes xurídicas, e outros non. A sociedade dividíase en estamentos: dous privilexiados (nobreza e eclesiásticos) e un non privilexiado (campesiños e artesáns).
Grupos Privilexiados: Estaban formados polos nobres e eclesiásticos. Posuían honores e títulos, non pagaban tributos, tiñan leis e tribunais especiais e exercían o poder e a xustiza sobre os demais. Fundamentaban a súa posesión de dominio e privilexio na dedicación ao exercicio das armas ou oración, na defensa que realizaban fronte aos perigos que os ameazaban e na posesión de grandes patrimonios territoriais. Entre eles existían grandes diferenzas, tanto entre a alta nobreza como a baixa, así como entre o alto clero e o baixo. Eran frecuentes os enfrontamentos entre eles polo incremento dos seus patrimonios.
Non Privilexiados: Campesiños, artesáns, comerciantes, burgueses... A súa situación variou ao longo do tempo: antes do século X, estivo composto polos labradores, diferenciándose entre os campesiños libres e os colonos ou servos, que debían realizar diversas prestacións e servizos aos seus señores. Despois do século X, o desenvolvemento da repoboación, o renacemento urbano e das actividades comerciais produciron modificacións sociais coa aparición de menestrais, artesáns e comerciantes; todos eles formaron o grupo dos burgueses. Ao longo da época medieval, moitos campesiños buscaron a protección dun nobre, dunha igrexa ou mosteiro. Estes vínculos de dependencia coñécense co nome de relacións de encomenda. A cambio de protección e defensa, os pequenos propietarios rurais encomendaban a súa persoa, a súa familia e os seus bens a un señor, entregándolle todas ou parte das súas terras ou pagándolle unha taxa anual.
Na cúspide do réxime feudal está o monarca: carácter patrimonial e hereditario do reino, relacións de vasalaxe como base do poder e soberanía real.