O Réxime Feudal e a Sociedade Estamental na Idade Media
O Réxime Feudal e a Sociedade Estamental
A situação de inseguridade creada en Europa trala desaparición do Imperio Romano sentou as súas bases do que durante a Idade Media se chamou réxime feudal.
Relacións de Encomenda
Por un lado, os campesiños buscaron protección dos nobres e estes, a cambio, pedíronlle que traballasen para eles e que se sometesen á súa autoridade, eran as relacións de encomenda. Apareceron así os servos.
Feudo e Vasalaxe
Por outro lado, o rei tiña poder sobre os territorios que controlaba directamente, como se fose un nobre máis, é dicir, un “primus inter pares”. Os demais nobres aceptaban a primacía do rei mediante o pacto de vasalaxe, polo que se convertían en vasalos do rei, xurándolle fidelidade, axuda militar e consello de goberno; pola súa parte, o rei cedíalle ao vasalo o feudo. Á súa vez, esta cerimonia de vasalaxe repetíase entre nobres e outros nobres de inferior categoría, chegando a formar unha cadea de lazos persoais que ligaba a uns nobres con outros e co rei.
O Feudo
O feudo, que se lle concedía aos vasalos, estaba composto pola reserva señorial (as mellores terras, os pastos, os bosques, etc.) e os mansos (terras cedidas aos campesiños para a súa explotación a cambio do pago dunha renda).
Sociedade Estamental
Este réxime feudal deuse no caso da Península Ibérica nas zonas baixo control dos reinos cristiáns. A sociedade era estamental, é dicir, xerarquizada, na que os individuos estaban divididos en grupos, os estamentos, de acordo á función social que desempeñaban: os que oran, os que loitan e os que traballan. Eran grupos sociais pechados, con lazos de dependencia persoal e desiguais xuridicamente.
Os Estamentos
Os estamentos eran tres: nobreza, clero e terceiro estamento ou xente do común. A nobreza e o clero eran os estamentos privilexiados. Tiñan a primacía social, posuían honores, títulos e honra; ademais, non pagaban impostos, tiñan leis e tribunais especiais e exercían poder e xustiza sobre os demais. Fundamentaban o seu poder na dedicación ao exercicio das armas (nobres) ou á oración (clero), na liñaxe da que procedían e, sobre todo, na posesión de grandes patrimonios territoriais. Entre os membros destes estamentos había grandes diferenzas honoríficas e económicas. Na nobreza había: alta nobreza, nobreza intermedia (cabaleiros) e baixa nobreza (fidalgos). No clero era parecido: alto clero (bispos, abades) e baixo clero (cregos e monxes).
Xente do Común
O terceiro estamento, a xente do común, era o grupo dos non privilexiados. Era un grupo moi heteroxéneo: campesiños, artesáns, comerciantes, burgueses. Todos tiñan que pagar impostos. Dentro dos campesiños había distintas situacións: por un lado, os campesiños libres, donos de pequenas propiedades (máis abundantes no norte polas características da repoboación cristiá) e por outra parte estaban os campesiños non propietarios, servos (máis abundantes nas terras do sur peninsular, porque alí a repoboación facilitou a formación de grandes señoríos nobiliarios). A partir do século XI produciuse o renacemento das cidades, o que levou á aparición dos grupos burgueses.
Minorías Relixiosas
Asemade, na sociedade dos reinos cristiáns peninsulares había que ter en conta ás minorías relixiosas, que as máis das veces eran consideradas grupos marxinais. Eran os xudeus e os mudéxares (musulmáns en territorio cristián).
Monarquías Feudais
En canto ás monarquías feudais existentes na península, temos que salientar o seguinte: En Castela, o rei tiña autoritarismo. Para axudalo a gobernar estaba a Corte, destacando os cargos do mordomo e o notario. Logo estaban as Cortes (herdeiras da Curia Rexia visigoda) ás que asistían nobres, clero e tamén delegados das cidades e vilas (terceiro estamento), e tiñan carácter consultivo. En Aragón, o poder do rei tiña un carácter pactista, polo que antes de tomar calquera decisión necesitaba chegar a un acordo cos estamentos. En Aragón, a diferenza de Castela, cada territorio tiña as súas propias Cortes (Cataluña, Mallorca, Valencia, Aragón) e de vez en cando reuníanse nas Cortes Xerais de toda a Coroa.