As Revolucións Liberais: Independencia de EEUU e Revolución Francesa (1776-1814)
A Revolución Liberal (1776-1814)
2.1 Independencia e Revolución nos EEUU
A primeira revolución liberal desenvolveuse nas colonias inglesas de América do Norte. En 1776, enfrontadas por motivos comerciais e fiscais, trece colonias proclamaron a súa independencia con respecto a Inglaterra. Ao mesmo tempo, cada colonia converteuse nun Estado diferente con goberno propio, formulándose declaracións de principios.
O 4 de xullo de 1776, os 13 estados fixeron unha Declaración conxunta de Independencia e decidiron formar unha confederación: Os Estados Unidos de América. En 1783 (Tratado de Versalles), Gran Bretaña recoñeceu a independencia dos EEUU. En 1787, os 13 estados pactaron a creación dunha república federal na que cada estado conserva gran parte da súa soberanía, pero cedía competencias a un goberno central ou federal dirixido por un presidente, recollidos nunha Constitución promulgada en 1787.
2.2 A Revolución Francesa
Está considerada como o modelo de revolución liberal e a que con maior intensidade afectou a toda a sociedade europea. Supuxo unha ruptura moi violenta coa orde existente; derrubou o Antigo Réxime; institucionalizou un novo concepto de Estado como expresión da soberanía popular, e creou un novo sistema baseado nos principios de respecto aos dereitos do home (liberdade, igualdade, propiedade).
Factores ou causas da Revolución Francesa de 1789:
- Incremento da tensión social e descontento: forte presión fiscal e crise social derivada da estrutura estamental de orixe feudal. Escasa participación política da burguesía.
- Difusión das ideas ilustradas e liberais: novas formulacións políticas e culturais.
- Crise de subsistencia e dificultades económicas: dificultades agrarias e económicas de Francia no último cuarto do s. XVIII.
- Quebra financeira do Estado: gastos de guerra, débeda pública, débeda da corte.
- Insuficiente resposta política e incompetencia de Luís XVI.
2.3 Dos Estados Xerais á Asemblea Nacional (1789)
A negativa dos privilexiados a pagar impostos obrigou a Luís XVI a convocar os Estados Xerais. Os diferentes grupos sociais elaboraron e enviaron as súas queixas e peticións, recollidas en multitude de cadernos de queixas, panfletos e escritos.
O 5 de maio de 1789 abriuse en Versalles a reunión dos Estados Xerais, iniciándose un período de intensas discusións sobre como realizar as votacións, se por individuos ou por estamentos. Os representantes do Terceiro Estado esixiron que a reunión fose conxunta e a votación por cabeza e non por estamentos.
Formación da Asemblea Nacional: O rei censurou as súas sesións e os representantes da Asemblea Nacional radicalizan as súas posturas e deciden permanecer reunidos ata elaborar unha Constitución para Francia.
O apoio popular á Asemblea Nacional produciu o Asalto á Bastilla o 14 de xullo de 1789, que se considera o inicio da revolución.
Nas cidades de provincias prodúcese a substitución das autoridades existentes por outras novas partidarias das reformas. No rural, o temor ás represalias aristocráticas causou o asalto de casas e castelos da nobreza e a queima de escrituras. O poder do rei desapareceu e a Asemblea Nacional comezou a gobernar e transformar Francia.