A Revolución Industrial: Causas, Cambios e Ideoloxías
Por que Inglaterra foi pioneira na industrialización?
Foi a primeira en industrializarse por unha serie de factores, como o feito de que o poder da monarquía estaba limitado polo parlamento e influenciado pola burguesía. Ademais, o crecemento da poboación implicou un aumento da demanda de produtos e a dispoñibilidade de man de obra nas fábricas. Tamén hai que ter en conta a abundancia de recursos e materias primas, sumada á gran facilidade de transporte do comercio colonial.
Define “Enclosure Acts”
Serie de leis de cercado do século XVIII promulgadas polo parlamento inglés.
Regularon o proceso no que moitas das terras comunais de Inglaterra pasaron a ser de propiedade privada. Isto incentivou a mellora das técnicas de cultivo e o paso de campos abertos a cercados.
Beneficiou aos grandes propietarios que puideron comprar as terras que se privatizaban. Mentres, por outro lado, prexudicou aos campesiños pobres que non podían comprar terras, perdendo así o seu dereito ao uso das terras comunais (pasto ou cultivo).
Como consecuencia, o campesiñado viuse na obriga de trasladarse á cidade e converterse en asalariados.
O transporte na primeira industrialización
James Watt perfeccionou a máquina de vapor existente para aplicala ao ferrocarril, ao barco e á industria.
Estes transportes foron os primeiros en utilizar a máquina de vapor como forza motriz:
- O ferrocarril: Xurdiu da unión de dous mecanismos: o sistema de arrastrar vagonetas nas minas e a invención da locomotora por Stephenson. Permitiu trasladar maior cantidade de persoas e mercadorías en menos tempo a un custo reducido.
- O barco de vapor: A comezos do século XIX, a máquina de vapor aplicouse aos barcos de vela, que foron substituídos por barcos de vapor. Este invento acurtou a travesía transatlántica entre Europa e América.
Industrias protagonistas: A industria téxtil
Tanto a industria téxtil como a siderurxia foron o motor da industrialización do século XVIII, empregando o vapor como forza motriz.
En canto á téxtil, a materia prima protagonista foi o algodón, xa que era máis suave e económico que a la, ao ser importado dende a India e as plantacións escravistas dos Estados Unidos. Esta industria mecanizouse de maneira importante grazas a máquinas como a spinning jenny.
Define Éxodo Rural
É o traslado masivo dos campesiños do campo á cidade. As súas causas foron a mecanización das tarefas e a privatización das terras (Enclosure Acts). Por esta razón orixinouse a cidade, na que se produciu unha forte segregación social por barrios, diferenciando os elegantes barrios residenciais dos espazos industriais.
Define Ludismo
Movemento obreiro que nace en Inglaterra a principios do século XIX. Consistiu na destrución violenta de máquinas que os obreiros e obreiras culpaban dos baixos salarios e do paro.
Na Coruña, no ano 1875, as traballadoras da fábrica de Tabacos protagonizaron un episodio ludita: as cigarreiras romperon as novas máquinas de picar tabaco lanzando os seus anacos ao mar.
Define Marxismo
O marxismo é unha ideoloxía política baseada nas ideas de Marx e Engels. Oponse á propiedade privada, aspira á destrución do capitalismo e denuncia a explotación dos traballadores. Segundo os marxistas, para destruír o capitalismo é necesario que se produza unha revolución proletaria con dúas fases:
- Conquista do poder político: Para crear un Estado obreiro (ditadura do proletariado), que debe ser transitorio.
- Fase comunista: Na que desaparecerían as clases sociais e o Estado.
Define Anarquismo
O anarquismo é unha ideoloxía política do século XIX baseada nas ideas de Bakunin e Kropotkin.
Defende:
- A organización da convivencia desde abaixo, sen xerarquías, a partir de asembleas.
- A liberdade individual.
- A solidariedade social para mellorar as condicións de vida.
Rexeita:
- Toda autoridade, incluído o Estado.
- O capitalismo e a explotación laboral.
- A participación na política electoral e os partidos políticos.
Unha das súas principais correntes é o anarcosindicalismo, que alcanza os seus obxectivos mediante sindicatos e folgas revolucionarias.
Define Capitalismo
Sistema económico cuxo obxectivo é obter o máximo beneficio, onde a intervención do Estado debe ser mínima. Substituíu a economía de subsistencia da Idade Media. Este cambio foi posible grazas ao nacemento da industria, o aumento da produción, o crecemento da poboación e o maior poder adquisitivo.
No capitalismo, os instrumentos de produción (fábricas, maquinaria...) son de propiedade privada e réxese por:
- Lei da oferta e da demanda: Regula o mercado mesturando os intereses de vendedores e compradores.
- Lei da competencia: A competencia entre empresarios para conquistar o mercado incentiva a redución de custos e a constante renovación tecnolóxica.