A Revolución Gloriosa e a Primeira República Española
A partir de 1863, a lealdade entre moderados e unionistas entrou en crise, o que levou ao exilio a Isabel II. En 1866, tras o pronunciamento de San Gil, as discrepancias entre a Raíña e o xefe de Goberno remataron coa expatriación voluntaria de O'Donnell a Francia. Paralelamente, ante o exercicio ditatorial de Narváez, a oposición progresista (Prim) e demócrata (Rivero) articulouse arredor do Pacto de Ostende (1866), ratificado no Pacto de Bruxelas (1867).
A revolución de 1868, coñecida como “Gloriosa” ou “Septembrina”, abriuse tras a morte de Narváez co pronunciamento de Cádiz (progresistas de Prim e unionistas de Serrano) e a batalla de Puente Alcolea (Córdoba) baixo o lema “¡España con honra!”. Foi seguida da formación de Xuntas nas cidades que, xunto ás reclamacións democráticas como o sufraxio universal e a liberdade de expresión e asociación, esixían reinvindicacións sociais contra os consumos e as quintas.
- Documento 1: O 27 de setembro de 1868, a Xunta de Goberno de Málaga sumouse á revolución coñecida como Gloriosa coa seguinte proclama: “Aspiramos á liberdade de conciencia (…) liberdade de cultos... á liberdade de sufraxio (…), sufraxio universal... á liberdade da razón, ensino libre, e pensamento sen traba … en fin, á liberdade económica e de asociación (…). Queremos Cortes Constituíntes, expresión fiel da soberanía da Nación, para que promulguen unha Constitución (…). Cidadáns: ¡Viva a liberdade! ¡Viva a soberanía nacional! ¡Abaixo os Borbóns!”.
En 1869, promulgouse unha nova Constitución, inspirada nos principios democráticos, manifestamente expresos no Preámbulo e no artigo 32.
- Documento 2:
- Preámbulo: “A Nación Española, e no seu nome as Cortes Constituíntes, elixidas por sufraxio universal ... decretan e sancionan a seguinte Constitución (…)”.
- Artigo 32: “A soberanía reside esencialmente na nación, da cal emanan todos os poderes.”
- Artigos 34, 35 e 36: Separación de poderes.
- Artigo 33: Recoñece como forma de goberno da nación española á Monarquía.
Aínda que a Constitución de 1869 establecía a Monarquía, a negativa á aceptación dunha candidatura borbónica por parte de Prim forzou a buscar un rei que debía ser liberal e católico. Finalmente, cunha forte oposición, aprobouse en Cortes a candidatura de Amadeo de Saboia, alcumado “Don Macarrone I”, expresión do rexeitamento que provocaba nos poderes fácticos e sectores populares.
A chegada de Amadeo I a España coincidiu coa abolición dos Estados Pontificios e o asasinato de Prim o 27 de decembro de 1870. A inestabilidade política foi o trazo máis característico do seu reinado, marcada por tensións internas na coalición gobernamental e o bloqueo parlamentario da oposición, especialmente na cuestión social (reivindicacións obreiras e campesiñas).
- Documento 3: Abdicación de Amadeo I (11 de febreiro de 1873): “Dous anos longos hai que cingo a coroa de España, e a España vive en constante loita, vendo cada día máis distante a era de paz que tanto desexo … e máis imposible aínda atopar o remedio para tamaños males. Busqueino dentro da lei ... Fóra da lei non ha buscalo quen prometeu observala … Estas son … as razóns que me moven a devolver á nación … a Coroa que me ofreceu o voto nacional).”
O baleiro de poder xerado pola abdicación de Amadeo I levou á proclamación da I República por unhas Cortes maioritariamente monárquicas en febreiro de 1873. O Congreso e o Senado, actuando como Asemblea Nacional, asumiron tódolos poderes, deixando ás futuras Cortes constituíntes a organización da forma de goberno republicana.
As variantes en xogo eran a República unitaria e a República federal ou confederal-cantonalista. Funcionando como un réxime de Convención, a Asemblea Nacional republicana nomeou a Estanislao Figueras como Presidente. Os gañadores das eleccións a Cortes constituíntes foron os federalistas (gradualistas), fronte aos unitarios e cantonalistas.
A nova Asemblea constituínte proclamou a República federal e nomeou a Francisco Pi i Margall como Presidente en xuño de 1873.
- Documento 4: Proxecto da Constitución federal de 1873:
- Artigo 42: “A soberanía reside en todos os cidadáns, exércese en representación súa polos organismos políticos da República constituída por medio do sufraxio universal.”
- Artigo 43: “Estes organismos son: o Municipio, o Estado rexional, o Estado federal ou Nación (…).”
- Artigo 45: “O poder da Federación divídese en poder lexislativo, poder executivo, poder xudicial e poder de relación entre estes poderes”.
O proxecto de Constitución federal de 1873, con Emilio Castelar como Presidente da Comisión redactora, prevía que o Presidente da República Federal sería electo por sufraxio universal directo, confirmaba a separación de poderes e mantiña as Cortes bicamerais cun Senado como asemblea territorial composta polos representantes dos 17 Estados federados, incluíndo Cuba e Porto Rico.
Coa República, a axitación social e política incrementouse en toda España, estimulada pola Federación Rexional Española (F.R.E. da A.I.T.) e polos cantonalistas, a quen se lles responsabiliza da dimisión de Pi i Margall. Localidades como Alcoi e Cartaxena foron escenarios destes radicalismos.
O terceiro goberno republicano, presidido por Nicolás Salmerón, tivo que apoiarse no Exército fronte ao cantonalismo, o carlismo e a guerra en Cuba (“Berro de Yara”, 1968), pero dimitiu ao non aceptar a pena de morte. O cuarto goberno, dotado de poderes extraordinarios, estivo presidido por Emilio Castelar.
Finalmente, a pesar da disolución da Asemblea polo xeneral Pavía en xaneiro de 1874, a fin da I República, coas garantías constitucionais suspendidas, prolongouse coa Ditadura de Serrano ata o pronunciamento en Sagunto do xeneral Martínez Campos en decembro de 1874 a favor de Alfonso XII, marcando o inicio da Restauración Borbónica.