A Restauración Borbónica en España: Sistema Político e Social
1. O Réxime da Restauración Borbónica
A chegada de Afonso XII e o inicio da Restauración
Afonso XII chegou a España en xaneiro de 1875 e con el os Borbóns recuperaron o trono, obra de Cánovas del Castillo, quen tería unha ampla rede de apoios á causa borbónica entre militares, burgueses e aristócratas. Houbo dous principios indiscutibles que se contrapoñen e dan equilibrio ao sistema: a Coroa e as Cortes. Ambas debían compartir a soberanía e o poder.
Principios do Sistema da Restauración
Cánovas del Castillo defendeu un sistema baseado en:
- Unha Constitución que establecese a monarquía constitucional doutrinaria.
- Un Goberno que gozase dunha dobre confianza: a do monarca e a das Cortes. As Cortes fabricábanse mediante a manipulación dos resultados a través da fraude e da actuación dos caciques.
- A quenda pacífica e de mutuo acordo entre as forzas monárquicas.
- O transaccionismo en materia de dereitos e deberes.
Características do Réxime Político
En síntese, o réxime político foi unha monarquía constitucional doutrinaria favorable aos intereses sociais, políticos e económicos. Un réxime oligárquico, sen democracia, que manifestaba un profundo egoísmo social dos grupos dominantes.
1.1. O Sistema Canovista
Deu lugar ao sistema canovista ou sistema da Restauración borbónica que estivo vixente ata 1923, este funcionou durante o reinado de Alfonso XII (1875-1885) sen grandes dificultades grazas aos acordos entre os líderes dos dous grandes partidos.
A Constitución de 1876
De acordo co seu pensamento, as novas Cortes aprobaron a Constitución de 1876 na que se establecía unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora:
- A Coroa compartía a soberanía coas Cortes, nomeaba libremente os ministros, sancionaba e promulgaba as leis, posuía iniciativa legal, tiña dereito de veto, podía suspender e disolver as Cortes, exercía o mando supremo das forzas armadas e dirixía a política internacional; estas facultades debían ser exercidas por ministros responsables ante as Cortes.
- Cortes bicamerais constituídas polo Congreso e o Senado. As dúas cámaras tiñan iniciativa legal compartida.
- Os dereitos e liberdades aparecían redactados dunha forma xeral.
- Catolicismo do Estado, aínda que se recoñecía a liberdade de conciencia e de culto.
A Pacificación do Reino
No reinado de Afonso XII finalizaron dúas guerras, o que lle valeu o título de rei pacificador.
- Na guerra carlista, as operacións deron rápidos triunfos ao Goberno. O conflito rematou en febreiro de 1876 coa toma de Montejurra e Estella.
- Na guerra de Cuba, os reforzos enviados deron ao xeneral Martínez Campos éxitos contra os insurrectos. A paz de Zanjón, concedía unha ampla amnistía, prometendo realizar reformas administrativas e políticas en beneficio da illa. Pero a tensión non desapareceu e deu lugar a novas rebelións, rapidamente reprimidas. Para sosegar a rebeldía, as autoridades españolas suprimiron progresivamente a escravitude en Cuba.
Establecemento dun Estado Unitario e Centralizado
Cánovas impuxo un modelo de Estado unitario e centralizado:
- A abolición dos privilexios forais vascos: de modo que as provincias vascas perderon as súas peculiaridades administrativas e foron sometidas ao sistema común de impostos e de recrutamento de homes. No entanto, conseguiron establecer unha cota para a recadación dos impostos que realizarían as deputacións.
- O control dos concellos polo Goberno eliminaba a autonomía destes e a elección popular dos alcaldes que pasaban a ser nomeados polo Goberno (nas cidades) ou por gobernadores civís.