A Restauración Borbónica en España: Política, Quenda e Fraude

Historia4,04 KB

Tras rematar a Primeira República triunfan as ideas de Cánovas del Castillo mediante o Manifesto de Sandhurst polo que se restaura, en España, unha monarquía nas mans da dinastía dos Borbóns protagonizada por Alfonso XII, fillo de Isabel II. Neste período chamado Restauración Borbónica son coñecidas tres etapas: o reinado de Alfonso XII (1875-85), a rexencia de María Cristina de Habsburgo (1885-1902) e o reinado constitucional de Alfonso XIII (1902-23).

Cánovas, nomeado polo rei presidente de Goberno, leva a cabo unha reforma política para crear un novo réxime acorde aos seus principios (era liberal conservador) e volver a implantar un réxime oligárquico. España regresa a un modelo de monarquía constitucional doutrinaria conservadora. O goberno era nomeado polo rei, pero tiña que contar co apoio das Cortes. O sistema de partidos estaba baseado no bipartidismo co motivo de acadar a estabilidade política; así alternaríanse no poder o Partido Conservador liderado por Cánovas e o Partido Liberal dirixido por Sagasta. Ademais, levouse a cabo unha reforma constitucional en 1876 que produce un texto mestura da constitución do 45 e do 69 onde a soberanía estaba compartida entre a Coroa e as Cortes.

A vida política da Restauración Borbónica

O sistema da Quenda Pacífica

O sistema da quenda de mutuo acordo entre o partido gobernante e a oposición permitía garantir unha estabilidade política e evitar que a oposición recorrese ao pronunciamento. Cando o partido gobernante entraba nunha crise política, o rei chamaba ao xefe de partido da oposición para que formase novo goberno. A continuación, para que este novo goberno puidera ter o respaldo das Cortes, o rei procedía a disolver o Congreso e convocar novas eleccións co fin de que o resultado fose favorable ao goberno. Este mecanismo no que o goberno non sae da maioría parlamentaria senón dun acordo entre os partidos do sistema coa aprobación do rei levou ao sistema a un proceso continuo de fraude electoral e falseamento dos procesos electorais.

O Fraude Electoral: Encadramento e Caciquismo

Para fabricar os resultados e o reparto de escanos, o ministro de Gobernación reúne aos gobernadores civís de cada provincia para proceder a nomear aos candidatos e os escanos que se repartiría cada partido de acordo co papel asignado nesa convocatoria. Deste xeito, o partido do novo goberno tería un amplo dominio dos escanos da cámara. A este proceso denominóuselle encadramento.

Para que este proceso culminase de acordo ao previsto era imprescindible contar coa intervención dos caciques. O estreito control do voto que exercían os caciques, base do sistema, sobre as eleccións periódicas, xerou unha cadea de favores e adhesións persoais que impedía no ámbito rural, non así no medio urbano, unhas eleccións libres.

Crítica e Crise do Sistema

Este sistema corrupto, que utilizaba calquera recurso para falsear os resultados electorais, foi criticado duramente polo Rexeneracionismo e pola oposición política. Con isto, aumentou considerablemente a conflitividade social e política que, ao sumarlle o Desastre do 98, provocou o inicio dunha grave crise nos anos finais da rexencia de María Cristina. Deste modo, en 1902 o trono español caeu en mans de Alfonso XIII, seguindo así a dinastía dos Borbóns e, continuando por conseguinte, o período da Restauración Borbónica, aínda que a acumulación dos conflitos e o descontento co sistema farán considerar este período como o da Crise da Restauración.

Descargar

PDF Word HTML