O Renacemento e a Reforma: O nacemento da filosofía moderna
O Renacemento e a Reforma
A filosofía moderna ten as súas orixes no século XV co humanismo, consolídase no XVII co racionalismo de Descartes e o empirismo de Locke, e culmina no XVIII co empirismo de Hume e a filosofía ilustrada de Kant.
A transformación do pensamento moderno
Como xa citei anteriormente, a filosofía moderna ten os seus inicios no Renacemento e supón unha fonda transformación respecto da época medieval. Mentres que na Idade Media se lle daba importancia á fe e ás crenzas relixiosas, o humanismo renacentista vai situar nun primeiro plano á razón. Polo tanto, o pensamento que se desenvolve neste período faise en confrontación coa cultura e o pensamento medieval.
O retorno á cultura grecolatina
Por outra parte, o humanismo renacentista volveu a súa mirada cara á cultura grecolatina, regresando o interese polos grandes filósofos gregos, esencialmente Platón e Aristóteles. Aínda que Agostiño e Tomé de Aquino tamén fixeran o mesmo, a intencionalidade era totalmente distinta:
- Autores medievais: buscaban nestes filósofos un punto de apoio para as crenzas relixiosas cristiás.
- Renacentistas: buscan na filosofía grega un novo modelo de humanidade contraposto á concepción medieval.
Fronte ao modelo teocéntrico do mundo medieval, erguíase agora o modelo antropocéntrico e naturalista, no que o centro é o propio home.
A Reforma protestante e a visión do home
Este pensamento vaise radicalizar coa Reforma, levada a cabo por Lutero (séculos XV-XVI). Lutero vai insistir no carácter corrompido da natureza humana, que fai que todas as súas obras sexan malas e que non teña liberdade para facer o ben. É dicir, mentres que a Reforma defendeu a postura de que o home é naturalmente malo, esaxerando unha idea central da antropoloxía cristiá, o humanismo renacentista defendeu a tese de que o home é naturalmente bo, defendendo un naturalismo moi distante do cristianismo.
O impacto do cisma relixioso
A Reforma protestante, protagonizada por Lutero, postulaba que para a salvación do home unicamente é necesaria a fe, sen que sexa precisa a mediación da Igrexa. Polo tanto, rexeita o dogma católico e nega a autoridade do Papa. O cisma do protestantismo significou a ruptura da unidade relixiosa, característica da Idade Media.