O Renacemento: o Cinquecento e a súa difusión por Europa
O Cinquecento
No século XVI iniciouse en Roma un período de maduración do Renacemento que se coñece co nome de Cinquecento.
A arquitectura
Os papas exerceron un gran mecenado sobre as artes. O papa Xulio II iniciou a construción da basílica de San Pedro do Vaticano e encargoulle as obras a Bramante e logo a Miguel Anxo. Tamén destacou Andrea Palladio, autor de Villa Capra, que puxo ao servizo da burguesía os elementos arquitectónicos dos templos clásicos.
A escultura
Miguel Anxo, ademais de arquitecto, foi pintor e está considerado un dos máis grandes artistas da historia. Outro escultor destacado foi Benvenuto Cellini, que representou temas mitolóxicos como na súa obra Perseo.
A pintura
Neste período destacan grandes mestres da pintura:
- Leonardo da Vinci: excepcionalmente dotado para a creación artística e a ciencia. Entre as súas pinturas destaca A Gioconda.
- Rafael Sanzio: despunta polo seu absoluto dominio da técnica, a elegancia e a harmonía das súas composicións e os seus retratos. Unha das súas obras máis coñecidas é a Madonna.
- Miguel Anxo: decorou a Capela Sistina, onde as súas figuras están dotadas dun volume case escultural.
No século XVI tamén foi importante a Escola de Venecia, na que traballaron artistas como Tiziano, Tintoretto e Giorgione.
A difusión do Renacemento
Flandres
En Flandres, o Renacemento italiano tivo pouca influencia e os pintores desenvolveron un estilo propio. Entre os máis destacados atópanse:
- Na primeira xeración, influída polo Gótico, figuran Roger van der Weyden e Jan van Eyck, fundador da pintura renacentista flamenga.
- Na seguinte xeración destacan Hans Memling e O Bosco, quen amosa un mundo imaxinario e fantástico cunha finalidade moralizante.
- A mediados do século XVI, Pieter Brueghel o Vello pintou a vida cotiá, ofrecendo unha visión grotesca e satírica da realidade.
Alemaña
O triunfo da Reforma luterana en Alemaña quitoulle á pintura o contido relixioso que tiña nos países católicos. Os retratos e as paisaxes convertéronse nos temas predilectos da pintura alemá.
A estética renacentista introduciuse grazas a Alberto Durero, un humanista, gran viaxeiro e coñecedor do clasicismo. As súas obras máis significativas foron as táboas de Adán e Eva. Outros pintores destacados foron Lucas Cranach e Hans Holbein.
Francia
O Renacemento difundiuse moi cedo grazas á actitude do monarca Francisco I, que se rodeou de artistas italianos na súa corte, entre eles Leonardo da Vinci e Benvenuto Cellini. Na arquitectura destaca a construción de castelos.
Na Escola de Fontainebleau confluíron as influencias flamengas e italianas nunha arte moi refinada e ornamental que abranguía todas as artes decorativas.