Os Reis Filipe III, Filipe IV e Carlos II de España
FILIPE III: REINADO DA PAX HISPÁNICA (1598-1621)
Herda os territorios do seu pai: España e as súas colonias, Portugal e as súas colonias, Países Baixos, Flandres, Franco Condado, Milanesado, Nápoles, Sicilia, Sardeña e Filipinas. Con Filipe III comeza a decadencia do imperio español. Era moi relixioso, de gran educación e amante da vida palaciana, ainda que feble de carácter e con poucas dotes de goberno, polo que creou a figura do valido, o duque de Lerma, a quen delegou esta función.
CONFLITOS:
- Herdou o país cunha profunda crise económica e incluso soportou unha bancarrota, polo que adoptou unha política pacifista asinando treguas con Francia, Inglaterra e as Provincias Unidas (Tregua dos Doce Anos).
- Expulsou a 275.000 mouriscos de España pola súa relixión e alegando razóns de seguridade. Tratou de mellorar a ruinosa situación da Facenda Real sen conseguilo mediante a Pax Hispánica. Os comerciantes holandeses e ingleses aproveitaron a paz para burlar o monopolio comercial nos imperios español e portugués.
FILIPE IV (1621-1665)
Fillo de Filipe III, herdou as terras do seu pai. Era un rei culto e preparado, con gran intelixencia e formación monárquica, pero era feble de vontade e de pouco carácter. O seu reinado estivo fortemente influído polo seu valido, o conde-duque de Olivares. Casou con Isabel de Borbón e, á morte desta, coa súa sobriña Mariana de Austria, con quen tivo ao seu herdeiro Carlos II.
CONFLITOS EUROPEOS:
- Guerra dos Países Baixos: loitaban pola súa independencia, trala paz de Westfalia a parte norte, Holanda, a conseguiría.
- Guerra dos Trinta Anos (1618-1648): empezou cunha guerra relixiosa (católicos contra protestantes) pero converteuse nun enfrontamento entre as principais potencias europeas polo poder. Loitaron os Habsburgo (España e Austria) contra a coalición europea protestante (Francia, Inglaterra, Dinamarca, P. Baixos, príncipes alemáns protestantes...). Finalizou coa Paz de Westfalia en 1648, os Austrias foron derrotados.
- Guerra con Francia: na paz dos Pireneos, España cedeulle a Francia varios territorios en Europa.
CONFLITOS INTERIORES:
- Levantamento de Cataluña e Portugal en 1640 contra a política do conde duque de Olivares. En 1652 recupérase Cataluña coa capitulación de Barcelona e Portugal independízase.
CARLOS II (1665-1700)
Fillo de Filipe IV e Mariana de Austria, foi o último da dinastía dos Austrias (Habsburgo). Herdou España e as súas colonias, as posesións italianas (Milanesado, Nápoles, Sicilia, Sardeña), Franco Condado, Flandres e Filipinas. Foi toda a súa vida un ser feble e enfermizo, pouco dotado física e mentalmente. A súa nai exerceu a rexencia durante a súa infancia e sempre influíu nas súas decisións, ao igual que as súas dúas esposas.
PROBLEMA SUCESORIO:
Carlos II morreu sen descendencia, polo que as 'Casas Reais' pugnaron por acceder ao trono español. Os principais candidatos serían dous: Arquiduque Carlos e Filipe de Anjou. Carlos II deixou finalmente a Filipe como sucesor para manter a integridade do territorio español, xa que Francia era a primeira potencia mundial. Deste modo, accedería ao trono español a dinastía dos Borbóns.