Os Reis Católicos: A formación da Monarquía Hispánica
O nacemento dunha nova entidade política
Do matrimonio entre Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón (1469) nacerá unha nova entidade política: a Monarquía Hispánica. Trátase dunha unión dinástica ou monarquía composta, non dunha unificación política dos seus reinos: aínda que comparten un mesmo rei, cada reino mantén a súa lexislación e as institucións propias.
Tras a conquista de Granada en 1492, o Papa concedeulles o título de Reis Católicos, e completarían a súa expansión territorial na Península coa incorporación de Navarra á Coroa de Castela (1512).
A consolidación do poder real
Isabel e Fernando encarnan as transformacións das monarquías autoritarias: fronte á debilidade do monarca no feudalismo, procuraron reforzar o poder real fronte á nobreza. O proceso foi máis efectivo en Castela, en parte porque as circunstancias do acceso ao trono de Isabel tras unha guerra pola sucesión coa súa sobriña (Xoana “A Beltranexa”) permitiron castigar á facción nobiliaria contraria (confiscación de señoríos, por exemplo).
Isto foi acompañado de reformas entre as que destaca a institucionalización do Consello Real de Castela como órgano supremo de goberno e instancia xudicial superior. A introdución de funcionarios reais con formación xurídica profesionalizou este organismo e minguou o poder da nobreza. Para a administración de xustiza naceron as audiencias en Valladolid, Sevilla e Galicia e, a nivel urbano, o esquema completábase coa figura do correxidor, delegado rexio, que asumía competencias xudiciais.
Dado o auxe dos consellos, as Cortes de Castela reduciron as súas funcións sendo unicamente convocadas na xura do Príncipe de Asturias e para aprobar subsidios extraordinarios.
Medidas de seguridade e política exterior
A nivel de seguridade, destacan a organización da Santa Irmandade para a protección dos camiños e a creación dun exército permanente. Ademais, os Reis Católicos dotáronse dun corpo de embaixadores para potenciar a súa activa política exterior.
A Inquisición e a cohesión relixiosa
Xunto coa figura do monarca, a única institución común aos reinos foi a Inquisición, tribunal encargado de manter a ortodoxia relixiosa católica. Por medio dela buscábase a cohesión da poboación e foi acompañado da represión ás outras confesións, como mostra a expulsións dos xudeus en 1492 ou as conversións forzosas de mouriscos.
Aragón: tradición pactista e limitacións ao poder real
A tradición pactista en Aragón e a fortaleza das institucións forais limitaron a reafirmación da autoridade rexia. Con todo, Fernando II conseguiu a fin dos malos usos nobiliarios da Sentenza Arbitral de Guadalupe e debido ao absentismo do rei, nomeou un representante real (primeiro lugartenente, logo vicerrei) en cada estado de Aragón e creou o Consello de Aragón con amplas funcións políticas.
Unha monarquía autoritaria en formación
Malia a que a centralización castelá contrasta coa situación en Aragón, os Reis Católicos sentaron as bases do estado moderno e da monarquía autoritaria nos seus reinos.