O Reinado de Isabel II e o Liberalismo en España

Historia4,96 KB

O reinado de Isabel II (1833-1868) foi un dos períodos máis convulsos da historia de España. Durante este momento histórico produciuse a construción do Estado liberal.

Ao longo do reinado de Isabel II distinguimos as seguintes etapas: A minoría de idade e O reinado efectivo de Isabel II.

Principios e familias políticas dentro do liberalismo

O liberalismo é unha corrente de pensamento político e económico que, en España, ten a súa orixe nas Cortes de Cádiz. Os seus principios arrancan do pensamento ilustrado e teñen a súa concreción no ciclo das revolucións atlánticas (estadounidense, francesa, española, etc.). Entre estes principios podemos resaltar: o recoñecemento de dereitos e liberdades individuais, a igualdade ante a lei, a defensa da propiedade privada, a participación política dos cidadáns, a separación de poderes (executivo, lexislativo e xudicial), a soberanía nacional, a existencia de institucións representativas (como as Cortes) e a existencia dunha Constitución.

Liberalismo doutrinario, corrente maioritaria no século XIX, que xurde do temor aos excesos revolucionarios. A grandes rasgos, defende: a restrición da participación política, o sufraxio censatario, a existencia de Cortes bicamerais e a limitación dos dereitos individuais.

Liberalismo democrático, corrente minoritaria en España e en Galicia no século XIX, que postula: a soberanía popular, o sufraxio universal (masculino), a existencia de Cortes unicamerais e a ampliación dos dereitos e liberdades.

En España, durante o reinado de Isabel II, distínguense tres familias políticas liberais:

  • Os moderados: Son a forza política predominante durante o reinado de Isabel II, por seren os favoritos da raíña. Entre os principios dos moderados están:
    • A soberanía compartida entre as Cortes e a Coroa.
    • A primacía da Coroa.
    • A restrición da participación política (sufraxio censatario).
    • O dereito á propiedade e o mantemento da orde social.
    • A limitación dos dereitos individuais.
    • A confesionalidade católica do Estado.
    • Estado unitario e centralizado.

Entre os seus principais líderes están: Narváez, González Bravo e Bravo Murillo. Os seus principios están recollidos na Constitución de 1845: sistema bicameral, sufraxio censatario, confesionalidade católica do Estado.


Os progresistas, derivan dos exaltados do Trienio Liberal. Defendían:

  • A soberanía nacional como fonte de lexitimidade do poder.
  • O predominio das Cortes no sistema político, rexeitando a intervención da Coroa na vida política e atribuíndolle a esta un papel moderador.
  • O sufraxio censatario, pero sendo favorables á ampliación do corpo electoral.
  • Ampliación dos dereitos individuais e colectivos (liberdade de prensa, de opinión, de relixión, etc.).
  • A descentralización municipal: concellos libremente elixidos.
  • A limitación da influencia social da Igrexa.
  • Modificacións lexislativas favorables ao desenvolvemento de actividades económicas capitalistas.

Entre os seus líderes destacaron: Mendizábal, Espartero e Prim. O seu ideario quedou reflectido na Constitución de 1837 e na Constitución non nata de 1856.

Fronte aos liberais doutrinarios, o liberalismo democrático é a corrente minoritaria do liberalismo en España e en Galicia. O Partido Demócrata xurde en 1849 como unha escisión dos progresistas.

Os demócratas defendían os seguintes principios:

  • Soberanía popular,
  • o sufraxio universal masculino,
  • ampliación das liberdades públicas,
  • recoñecemento dos dereitos colectivos,
  • separación de poderes e existencia de Cortes unicamerais,
  • liberdade de culto,
  • elección democrática dos concellos e deputacións.

Ademais, dentro do liberalismo democrático podemos distinguir entre monárquicos e republicanos. Á súa vez, os republicanos divídense en unitarios (Castelar) e federais (Pi i Margall).

Descargar

PDF Word HTML