As regras fundamentais do método cartesiano
A proposta cartesiana, por tanto, pretende evitar o erro e chegar a verdades indubidables, e por outro lado extraer novas verdades a partir das xa coñecidas. Para iso, Descartes afirma a necesidade de destruír todo o coñecemento anterior e comezar a levantar un novo edificio do coñecemento (tarefa construtiva) no que só apareza a verdade e sexan eliminados os prexuízos ou as verdades baseadas en argumentos de autoridade. Descartes reduce a catro as regras fundamentais do método:
Regra da evidencia
Descartes non acepta como verdadeiro máis que o que é evidente. Pero, que é o evidente? A evidencia prodúcese na intuición, nun acto puramente racional no que a nosa mente capta ou 've' de modo imediato unha idea. Estas ideas captadas intuitivamente han de ter dúas características que son:
- Claridade: Un coñecemento claro é o que temos das cousas cando están presentes ante a nosa mente, cando podemos advertir os seus elementos sen a menor dúbida (oponse a escuro).
- Distinción: Unha idea ou un coñecemento é distinto cando aparece claramente diferenciado, separado e recortado dos demais, de tal xeito que non podamos confundilo con ningunha outra idea ou conecemento (oponse a confuso).
Regra da análise
Calquera problema que teñamos que estudar non é máis que un conxunto de ideas complexas. Analizar consiste en descompor o complexo nos seus elementos simples, elementos que poderan ser intuídos como ideas claras e distintas, isto é, evidentes.
Regra da síntese
Unha vez que chegamos aos elementos simples dun problema hai que reconstrullo en toda a súa complexidade, deducindo todas as ideas e consecuencias que se derivan daqueles princípios primeiros absolutamente certos. A síntese é un proceso de dedución, no que unhas ideas se encadean a outras dun xeito necesario.
Regra da enumeración ou comprobación
Por último, realizamos uns recontos tan completos e unhas revisións tan xerais que non permita estar seguros de non omitir nada. Trátase de revisar que non haxa erro algún en todo o proceso de análise e síntese (dedución).
Este é o sentido que ten a dúbida metódica cartesiana. Trátase de atopar algún principio que resista absolutamente calquera dúbida imaxinable. A dúbida é a forma de atopar un principio indubidable.
Dubida da fiabilidade dos sentidos
Pódese e, por tanto, débese dubidar do coñecemento obtido polos sentidos, xa que os sentidos nos enganan en moitas ocasións, non é prudente fiarse deles, xa que non temos garantía de que non nos estean enganando sempre. Podo considerar, pois, que non hai certeza algunha neses conecementos, e considerar falsos todos os que se deriven dos sentidos.
Dubida da imaxinación
Pon en cuestión a totalidade de actos de percepción e da imaxinación. O soño é indistinguible da vixilia. Todo o que me pasa estando esperto pódeme pasar estando durmido, polo que teño que concluir que non sei se estou esperto ou durmido e, polo tanto, tampouco sei se estou agora aqui ou durmindo na cama.
Dubida da propia razón
Hai coñecementos, como os matemáticos, que son verdadeiros tanto no sono como na vixilia. Pero tampouco estes escapan á dúbida. Mentres non saiba nada certo sobre min mesmo e a miña orixe, podo sempre suponer que fun creado por un xenio maligno que se propón enganarme, de forma que, aínda estando completa e absolutamente seguro de algo, puidese ser que esta certeza fose provocada en nós por este xenio de forma enganosa. Descartes non está afirmando que ese xenio maligno existe e que nos engana, senón que non temos ningunha forma de descartar a súa existencia.
En definitiva, podemos dubidar dos sentidos e da razón, podemos dubidar da existencia dos corpos, incluído o propio, das outras persoas e das súas mentes, das verdades etc…