Reformas Borbónicas en Galicia: Armada e Comercio

Historia3,77 KB

Tras a Guerra de Sucesión: Modernización da Armada

Tras a Guerra de Sucesión, Felipe V e os seus sucesores víronse na obriga de modernizar o exército e a armada para reforzar a posición de España no contexto internacional. No relativo á mariña, a armada española era fundamental na defensa das rutas comerciais a América. Seguindo os principios do absolutismo centralista da nova filosofía de goberno, Felipe V unificou as distintas escuadras nunha única armada real e estableceuse a recruta obrigatoria de mariñeiros por medio da matrícula de mar. Para ter unha mellor administración, José Patiño, ministro de Felipe V, dividiu a costa española en tres Departamentos Marítimos: Cádiz, Ferrol e Cartaxena. En cada unha desas cidades estableceuse un arsenal, seguindo o modelo francés (instalacións combinadas de estaleiros e almacéns de armas). Estas políticas terán continuidade no reinado de Fernando VI, que intentará reforzar a posición internacional de España e prestará atención prioritaria ao desenvolvemento e modernización da armada.

Impacto das Reformas Navais en Galicia

As reformas na mariña tiveron importantes repercusións en Galicia. Dunha parte, a matrícula de mar tivo un grande impacto nos núcleos pesqueiros do país, causando malestar polo seu carácter forzoso. Doutra banda, a escolla de Ferrol como capital do Departamento Marítimo do Norte e unha das bases das Armadas Reais (1726) fixo que unha pequena poboación mariñeira se transformase nunha cidade, coa conseguinte transformación social e urbanística. A partir de 1746, iníciase a construción de estaleiros e do arsenal, convertendo así a Ferrol na principal cidade galega, que chegou a contar con 25.000 habitantes. Grazas a este gran impacto, non só en Ferrol, senón en Galicia, cunha economía principalmente agraria, contou co seu primeiro núcleo industrial.

Reformas Comerciais e a Liberalización con América

Na segunda metade do século XVIII, os gobernos de Carlos III intentaron desenvolver políticas reformistas inspiradas na Ilustración, sen deixar de lado o absolutismo político. Dentro destas reformas destaca a política de liberalización do comercio con América, a cal suprimiu o monopolio deste comercio. En 1765 permitiuse comerciar con América a varios portos españois, entre eles o da Coruña. No ano anterior, establecerase na Coruña o Servizo de Correos Marítimos. Esta era unha compañía estatal encargada de levar a correspondencia oficial e privada cara á Habana e Bos Aires, que tamén podían transportar persoas e mercadorías. Ambas as concesións permitiron o crecemento comercial da Coruña e a renovación urbanística.

Dinamización Económica e Comercial en Galicia

A existencia dos Correos Marítimos, o comercio con América, o funcionamento do Arsenal da Mariña, xunto coa existencia de materias primas, permitiron o incremento das actividades mercantís en Galicia, en especial na Coruña. Así mesmo, atraídos por estas vantaxes, producíronse numerosos comerciantes foráneos, principalmente vascos, asturianos e cataláns. Eles convertéronse nos principais dinamizadores do sector, creando negocios e introducindo innovacións. Destaca:

  • Os fomentadores cataláns, dinamizando o sector pesqueiro coa introdución de novas técnicas de pesca, de conservación, o traballo asalariado e a comercialización a grande escala.
  • O proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, que puxo en marcha as Reais Fábricas de Sargadelos, para abastecer ao exército e, logo, unha industria cerámica.

Descargar

PDF Word HTML