A Reforma Agraria da II República Española: Obxectivos e Consecuencias

Historia4,04 KB

A Reforma Agraria da II República

Un dos elementos centrais do proceso reformista impulsado polos gobernos republicanos foi a reforma agraria. O seu obxectivo era facer fronte á desigual distribución da propiedade da terra, para mellorar a situación do campesiñado e incrementar a produtividade agrícola.

A existencia de masas de campesiños sen terras, xornaleiros das rexións latifundistas do sur, e de pequenos propietarios e arrendatarios ao límite da subsistencia nas rexións setentrionais, constituía un problema endémico en España. Por iso a reforma agraria converteuse nunha das principais reivindicacións do campesiñado.

Medidas Precursoras (Goberno Provisional)

Antes da súa aprobación en 1932, o goberno provisional de Niceto Alcalá-Zamora xa implantara unha serie de leis que aspiraban a mellorar a situación dos traballadores no campo. As primeiras medidas foron tomadas polo socialista Francisco Largo Caballero, ministro de Traballo, entre as que destacan:

  • O Decreto de termos municipais que obrigaba aos patróns a contratar xornaleiros residentes no concello para evitar que se recorrese a traballadores doutros concellos en caso de folga.
  • O Decreto de labor forzoso que esixía aos propietarios cultivar as súas terras.
  • A prolongación automática dos contratos de arrendamento.
  • A formación de xurados mixtos para solucionar os problemas entre obreiros e patróns.
  • A implantación da xornada laboral agraria de oito horas.
  • A protección dos traballadores con seguros de accidente, maternidade e retiro.

A Lei de Reforma Agraria (1932)

Había posicións encontradas entre os socialistas (socialización da terra e explotación colectiva) e os republicanos (reparto de terras para crear unha clase de pequenos propietarios e aumentar a produtividade) que provocaron o retraso na elaboración da lei agraria.

A Lei de Reforma Agraria regulaba a redistribución da terra, facultando ao Estado á expropiación e reparto de terras particulares nunha serie de supostos. Entre elas estaban:

  • As terras incultas ou mal cultivadas.
  • As comunais non explotadas de maneira directa.
  • As carentes de rego pola desidia dos seus donos.

Posto que a lei tamén prevía a indemnización dos propietarios expropiados, creouse o Instituto de Reforma Agraria, para desenvolver este proceso e facilitar créditos ás familias campesiñas beneficiadas pola medida.

Problemas e Consecuencias Inmediatas

A reforma tivo que afrontar grandes problemas, sobre todo a radical oposición dos propietarios agrícolas. Isto provocou o incremento da conflitividade social no campo, especialmente en Andalucía e Estremadura. Os problemas máis importantes producíronse en Castilblanco e Casas Viejas, onde os seus habitantes proclamaron o comunismo libertario, pero foron duramente reprimidos, provocando un gran impacto na opinión pública e desprestixiando o Goberno.

A complexidade burocrática do proceso e as limitacións orzamentarias fixeron que a reforma se aplicase con grande lentitude e afectase a moitos menos campesiños dos previstos.

Variacións Políticas

Ademais, como todas as reformas emprendidas durante o Bienio progresista, o seu desenvolvemento estaría condicionado pola conxuntura política.

Bienio Conservador

No Bienio conservador foi derrogada polo ministro de Agricultura Nicasio Velayos (anulou as expropiacións de terras da alta nobreza, estableceu a liberdade de contratación de peóns agrarios, anulou o decreto de termos municipais co conseguinte empeoramento das condicións de vida dos xornaleiros e limitou os fondos do Instituto de Reforma Agraria).

Fronte Popular

Co triunfo da Fronte Popular nas eleccións de 1936 volveuse restablecer. Con todo, o levantamento militar do mesmo ano impediu a súa aplicación e calquera intento de reforma.

Descargar

PDF Word HTML