A Recuperación Cultural e o Nacionalismo Galego (1950-1970)
A recuperación cultural da década de 1950: Editorial Galaxia
Nesta década, o réxime ditatorial consolidouse grazas aos pactos de Franco con EUA. Este feito supuxo unha inxección económica. Neste contexto, apareceron intentos de recuperar o labor cultural e literario interrompido bruscamente pola guerra.
No ano 1950 morreu Castelao, o máximo referente da acción política nacionalista no exilio. Os antigos membros do Partido Galeguista, disolto nese mesmo ano, orientaron o labor nacionalista en Galicia cara a posicións exclusivamente culturalistas, afastadas da loita política. Neste contexto, o 25 de xullo de 1950 xorde a Editorial Galaxia como núcleo deste traballo cultural.
Arredor do chamado «Grupo Galaxia» reuniuse unha serie de persoeiros que estaban relacionados co movemento galeguista e a literatura galega. A Editorial Galaxia tiña como obxectivo transmitir a cultura galega ás novas xeracións. Neste aspecto é de destacar o labor concienciador que realizou, especialmente Ramón Piñeiro, para atraer a xuventude universitaria da época á posición galeguista.
A Editorial Galaxia centrou os seus esforzos en recuperar para a lingua e a literatura galegas o prestixio cultural polo que xa traballara na preguerra o Grupo Nós. Para isto, potenciou o desenvolvemento dun xénero ensaístico en galego ou sobre Galicia que transcendese o folclorismo costumista.
Este interese por demostrar a capacidade do galego para a expresión de contidos científicos e filosóficos non pasou desapercibido para os sectores reaccionarios da cultura franquista nin para os censores. Os artigos filosóficos de Piñeiro sobre a saudade e a tradución de Da esencia da verdade levantaron fortes críticas destes sectores.
Á parte dos contidos ensaísticos, en Galaxia:
- Reeditáronse os clásicos da Xeración Nós.
- Déronse ao prelo distintas escolmas e obras poéticas orixinais.
- Publicouse a gran maioría das obras de narrativa que renovaron o panorama literario da posguerra.
As décadas de 1960 e 1970: A reorganización do nacionalismo
Na década de 1960 prodúcese unha recuperación económica no Estado español. En Galicia, prodúcese unha pequena industrialización; a influencia desta industria provocou que moitos galegos deixasen o campo para trasladarse a traballar a estes núcleos. Este feito resultou negativo para o idioma, xa que abandonaron a lingua propia.
Un feito destacable foi a reorganización do nacionalismo político na clandestinidade. Fundáronse os partidos nacionalistas de esquerdas:
- O PSG (1963)
- A UPG (1964)
Estas agrupacións desenvolveron unha importante loita social e empregaron o galego en toda a súa actividade e como lingua de reivindicación política.
No plano cultural, hai que destacar a celebración do Día das Letras Galegas en 1963 e a creación das asociacións culturais que divulgaron o emprego do galego. Destacan:
- O Galo, de Santiago de Compostela.
- O Facho, da Coruña.
Na Universidade de Santiago creouse a Cátedra de Lingua e Literatura Galega, que ocupou o histórico galeguista Ricardo Carballo, e en 1971 fundouse o Instituto da Lingua Galega, dedicado ao estudo do idioma.